Monster Hunter Freedom Unite: (re)iniciación

Sabes que un xogo vai para largo cando, após 18 horas rexistradas de partida, recibes un agasallo por completar os niveis de iniciación. E óllese que digo horas rexistradas porque máis dunha vez apaguei a consola cando as cousas non ían coma eu agardaba, polo que as horas reais son estritamente máis. Intentarei empregar a funcionalidade de “abandonar busca” que creo que ten un efecto similar a cargar a última partida gardada, agás pola parte de contabilizar o tempo.

Neste capítulo comecei e completei todas as misións da aldea do segundo nivel. As do terreo selvático non me deron grandes problemas, e até aproveitei para coller un par de veces un ovo dracónico que se troca por unha morea de puntos para mellorar a granxa Pokke. Explícome: tras o vídeo introdutorio do xogo, déronme acceso a una casa onde cociñar, durmir e gardar as miñas cousas, ademais dos dereitos de explotación de dita granxa, onde podo obter materia prima de todos os tipos grazas á axuda duns compañeiros felinos. É posíbel extraer ditos materiais certo número de veces tras cada busca, polo que forma parte da rotación que fago cada vez que chego de volta á aldea.

Os felinos son parte importante, e marabillosa, do xogo

Atopei maiores dificultades nas misións do deserto. Caracterízase por mesturar nun mesmo mapa zonas moi quentas con outras moi frías, polo que é preciso beber bebidas quentes é frías para manter a temperatura corporal. Iso é simplemente unha pequena incomodidade, mais as quenllas da area foron bastante máis problemáticas. Estas monstruosidades viaxan por debaixo da area moi rapidamente, facendo dano ó cruzarse co camiño da cazadora. É moi complicado atopar unha fiestra temporal para atizarlles pero, por sorte, é doado facer que saian á superficie estoupando unha bomba sónica preto delas. Pero, como eu son así, non preparei bombas sónicas adicionais para loitar contra a xefa das quenllas da area. Foron unhas pelexas longas, que abandonei un par de veces, e nas que finalmente acadei a vitoria pola vía máis complicada, xa que desperdiciei as dúas bombas sónicas “gratis” obtidas ao comezo da misión.

Pero inda ficaba outro xefe por capturar no deserto: o mítico peixe dourado. A última misión do segundo nivel consistía en pescar dous destes peixes difíciles de atopar. O minixogo de pesca non ten moito truco xa que consiste en empregar un cebo e darlle ao botón de acción cando algún pique. O tema é que o número de cebos que se poden levar a unha misión están limitados e, unha vez rematados, non atopei maneira de conseguir máis neste escenario. O risco da misión era case nulo, pero tiven que repetila varias veces até que por fin pesquei dous na mesma serie.

Recórdame a certo monstro de Expediente X.

Para rematar o capítulo, e abrir o acceso ás misións de tres estrelas, tocoume un enfrontamento contra un khezu, un monstro eléctrico bastante grande e moi perigoso que habita nas montañas nevadas. Nos primeiros intentos, levando unha espada larga, non tiven moito éxito, máis que nada pola dura armadura da presa en certas partes do seu corpo. Non sería até que a troquei polo arco cando por fin obtiven unha vitoria após unha larga persecución por todo o mapa. Tivera bastante sorte con algúns patróns de ataques, polo que quixen confirmar que non fora esa a razón do éxito, se non pola miña habilidade. Desta maneira repetín a caza catro veces máis, fracasando en dúas ocasións, obtendo unha vitoria tras rematar inconsciente dúas veces e, finalmente, conseguindo o éxito sen ser derrubado na última instancia.

  • Horas transcorridas: 18.
  • Misións de aldea completadas: 45.
  • Misións de práctica completadas: 3.

Monster Hunter Freedom Unite: opinións sobre as armas

Ao contrario que no meu primeiro intento de profundar na saga do Monster Hunter, hai xa máis de oito anos, desta vez conseguín completar unha morea de misións na mesma semana, dándome algo de impulso para comezar a comprender algúns dos seus sistemas. Porque, efectivamente, as 11 horas que lle adiquei, e as 33 buscas que completei, non foron máis que meter unha deda no gran océano que me agarda máis adiante.

Xa vou pescando as mecánicas.

Unha vez que collín ritmo, as buscas supéranse bastante rápido, pero sempre noto algo de preguiza cando me toca trocar a un novo escenario que inda non coñezo. Iso propiciou que repetise moitas buscas nas montañas e na xungla porque sabía exactamente o que esperar e que me encaixaba no oco temporal que tiña dispoñíbel nese momento. De feito, aproveitei a caza do velocidrome para darlle un tento a tódalas armas do xogo e ver cal podería ser a miña favorita.

Mais non sempre obtiven a vitoria á primeira .

Velaquí as miñas opinións sobre cada unha, despois de empregar as súas versións iniciais:

  1. Gran espada: moi lenta e bastante divertida, quizais a escolla de cando en vez para loitar contra algo ao que xa lle coñeza o patrón.
  2. Espada larga: semellante á gran espada pero máis rápida e sen posibilidade de bloquear. É a arma que máis empreguei polo de agora e encaixa no meu estilo.
  3. Espada e escudo: moi rápida e gocei da experiencia, pero a parte do escudo non me gustou case nada.
  4. Dúas espadas: todo o bo da espada anterior pero facendo unha barbaridade de dano en pouco tempo. As combinacións de ataques semellan sacadas de outras sagas de acción máis rápida coma God of War ou Devil May Cry.
  5. Martelo: ataques lentos e poderosos e permite correr con el. Non obstante, hai algo no estilo dos golpes que non me agrada de todo.
  6. Corno: unha especie de martelo pero cun sistema de notas musicais para dar beneficios ou habilidades. Non me decatei moi ben de como xerar as notas, pero este arma semella máis importante en multixogador polo que quizais non compensa o estudo.
  7. Lanza: gustáronme os ataques pero non son moi afeccionado do escudo. Non poder rodar quítalle moitos puntos.
  8. Bésta lixeira: fiquei sen balas especiais moi cedo, e logo tardei moitísimo en derrubar ao velocidrome. Un gran fracaso.
  9. Bésta pesada: moito mellor cá curmán lixeira e din conta rapidamente do monstro, mais o sistemas de balas non me convenceu.
  10. Arco: os controis son terríbeis, pero o sistema é entretido. Cando precise un arma a distancia é probábel que leve unha desta familia.
  11. Pistolanza: moi orixinal e efectiva, mais non me entrou moi ben. Se cadra debo darlle algunha proba máis.

Nalgúns casos non teño nin idea do que pasou.

Polo de agora penso que seguirei coa espada larga que tan bo resultado estame a dar. O xogo inda non deu ningún gran salto de dificultade, así que quizais troque de opinión cando comecen as loitas contra dragóns xigantes. Deixo o artigo neste punto para seguir xogando!

Nótase que é a miña favorita.

  • Horas transcorridas: 11.
  • Misións de aldea completadas: 32.
  • Misións de práctica completadas: 1.

Monster Hunter Freedom Unite: Kandra entra en escena

Ola! O dubido, pero se hai algún de vós por aí que estaba agardando a continuación das miñas aventuras no mundo do Ultima IV… pois teño malas noticias! Após perder as miñas notas sobre o mesmo, máis aló do escrito neste blogue, dáme algo de preguiza continuar. Xa veremos máis adiante pero, polo de pronto, non ten moita pinta de que o continúe nos próximos meses.


Acordeime outra vez da PSP e fixen unha boa investigación para decidir a que xogos xogar nela. Barallei moitas opcións, tanto do catálogo propio coma dos dos que se poden emular, pero sempre tiña o Monster Hunter na mente. Segundo os arquivos gardados na consola, adicáralle xa dúas horas no 2010, razón pola cal pensaba que non sería o meu xogo. O recordo de buscas dunha hora de duración, unha complexidade tanto dos controis coma dos sistemas de obxectos, monstros e algúns outros que nin coñezo, sumábanse aos centos de horas necesarias para completar o xogo (sen ter en conta o compoñente multixogador) para ter tódalas opcións de ser abandonado outra vez moi cedo. Pese a todo, instaleino de novo e, polo de pronto, foi todo un acerto.

O xogo comeza deixándonos escoller as características físicas e vocais do personaxe que encarnaremos. Xogona escolleu por min todos eses datos, polo que levarei a unha muller negra de pelo curto e claro chamada Kandra. A escena inicial amósaa sendo derrubada por un dragón xigante, e logo é transportada a unha aldea onde se procurará unha vida baseada na exploración e na caza de monstros. Porque basicamente o xogo resúmese en percorrer o mundo tras certos animais e asasinalos por encargo ou por beneficio propio. Normalmente son loitas largas nas que hai que evitar os envites do monstro e golpealo até darlle morte. Dóeme dicilo pero semella un simulador de touradas. Ningún animal foi ferido para a elaboración deste artigo.

Isto foi pouco antes de cambiar o idioma ao inglés.

Unha vez que obtiven o control de Kandra, decidín seguir un acertado consello dun traballador de Capcom nun artigo de The Guardian para promocionar o xogo: esquecerse dos titoriais iniciais, escoller unha arma e comezar directamente polas misións principais; ao resto dos consellos non lle fixen caso, máis que nada porque non comprendía índa do que falaban. Eu escollín o martelo, e fun completando as tarefas máis sinxelas á vez que aprendía un pouco sobre as facetas do xogo. Para isto foi de certa axuda o compendio de revistas que hai na casa do protagonista, xa que explican algunhas das mecánicas do xogo e tamén dan algunhas pistas e consellos para suavizar a curva de aprendizaxe sen ter que recorrer a guías externas. Inda así, atopeime varias veces facendo unhas procuras moi específicas en internet para comprender certos asuntos que non ficaban nada claros dentro do xogo.

Nas capturas desluce un pouco, pero esta primeira escena é abraiante na PSP.

E iso é todo polo de agora. Namentres que moita xente está liada co Monster Hunter World, e pode que precisamente por iso, eu lieime coa súa precuela portátil. De seguro que non completarei todo o que o xogo ofrece, pero é o que me apetece neste momento. Xa vos irei contando as miñas aventuras mentres dure!

Monument Valley: pouco xogo, moita presunción

Cando saíu no seu día, eu probei o Echochrome da PSP. Non avancei moito porque o atopaba bastante complicado e a miña visión espacial deixa bastante que desexar. En resumo, facíame sentir un pouco topón e mamalón. Este Monument Valley comparte a idea dun universo con formas tridimensionais imposíbeis que son proxectadas ao plano da pantalla, permitindo rotar partes do mundo para crear novos camiños en dúas dimensións. Pero, ao contrario que a súa precuela espiritual, os controis e as mecánicas están simplificadas en dous tipos de iteración:

  1. Pulsar nunha casa fai que a protagonista móvase até ela se ten un camiño válido.
  2. Algúns elementos dos escenarios, propiamente indicados, pódense rotar ou mover para crear novos camiños ou visualizar partes novas.

As partes móbiles son as que teñen uns puntos, ao comezo eu tardaba en identificalas.

Ao contrario que no Echochrome, a personaxe principal nunca pode caer en vertical a un nivel inferior nin afastar os pés do chan. Por outra banda, as interaccións en cada nivel son moi limitadas e nunca resultan nun escenario irrecuperábel. Todo isto, engadido á sinxela dos quebracabezas, fai que o progreso do xogo sexa continuo e que, desgraciadamente, non teña unha dificultade que o poida facer entretido máis aló de ver como se desenrola a historia e que novos escenarios aparecerán. En toda a campaña principal, só tiven que pensar un pouco no último nivel, o décimo.

Segundo o seu autor, un dos obxectivos do deseño do xogo era facer uns niveis que puidesen ser completados por todos os xogadores, ao contrario que moitos outros xogos que reservan parte do seu contido para os que lle poñan máis ganas. Evidentemente non podo falar por todos, mais si que da a sensación de que hai suficientes facilidades para que calquera poda chegar ao final.

O tótem fai as veces do cubo da compaña do Portal.

Outro dos obxectivos era conseguir que calquera imaxe conxelada do xogo fose arte por se mesma, e coido que tamén foron capaces de acadalo, inda que as capturas que as capturas que acompañan a este artigo poden non ser moi representativas xa que non foron tomadas por min. A música e o son tamén contribúen supostamente á atmosfera máxica, pero non podo dar a miña opinión porque tiven o son apagado durante os aproximadamente sesenta minutos de xogo desta primeira campaña.

A narrativa está nos títulos dos capítulos e algunhas animacións dentro dos niveis. Son viñetas soltas que queren facer intuír un mundo maior do que vemos a primeira vista. Hai que recoñecer certas referencias estilísticas a outros xogos xaponeses como ICO, con ese aura de presunción global coa que estou moi a favor. Como dixo Monica Geller en Friends: “a ninguén lle fai dano un pouco de presunción”.

Non teño capturas propias do xogo, polo que ben podo poñer a Monica con trenzas.

En xeral semella máis un xoguete que un xogo, ten esa calidade para sorprender a medida que as pezas se moven e o obxectivo de cada nivel resulta ser un pouco o de menos. Non é unha mala maneira de pasar unha hora, inda que eu non concorde de todo coas decisións do deseño.

Ultima IV: portas dun só sentido

Ultimamente tiña a idea de que non estaba a avanzar moito no xogo, pero as múltiples horas deste sétimo capítulo foron inda menos produtivas. As únicas pistas que me ficaban pendentes para investigar eran preguntar na taberna Folley pola raíz da mandrágora e chegar a unha pequena illa moi preto da costa oeste do continente, máis aló da Fraga Espírito.

Os liches teñen un pinta graciosa.

Nas primeiras catro horas percorrín varias veces o continente, tiven moitísimas loitas (que xa comezan a cansar un pouco) e caín envelenado por cofres trampa unha morea de veces tamén. Ninguén na taberna Folley contoume nada da mandrágora (quizais non preguntei a quen era?) e non atope nin unha pequena chalana para poder chegar a illa. Coido que o único que saquei en limpo foron as coordenadas da illa de Magincia (latitude KJ, lonxitude LL; non creo tampouco que sexan moi útiles), que un tal Condelle está agochado “off Lock Lake” nun lugar secreto, e un machado máxico que lle merquei a Julia. Custoume 1500 moedas de ouro e era a máis barata das armas máxicas á venda en Minoc. Tamén aforrei un pouco máis para me facer cunha alabarda non máxica.

Non contaba con que o guerreiro non puidese levar o machado!

O machado pódese lanzar e sempre volverá á man, facendo que Julia dispare dende a liña de atrás xunto a Iolo e ou seu tiracroios. A alabarda equipeina no meu avatar para atacar a dúas casas de distancia. Estritamente. Non se pode empregar para atacar a obxectivos adxacentes. Até onde eu sei, non hai ningún menú dentro do xogo, nin frase algunha nos manuais, que indique canto dano fan as armas ni cales son mellores que outras, máis alá de mirar o prezo e asumir que canto máis caras mellor. Vou ficar coa alabarda inda que só sexa para darlle un pouco máis de variedade ao combate co posicionamento necesario para empregala ben. Isto non é tan doado coma nas armas de corpo a corpo básicas, mais igual gaña en funcionalidade unha vez que posúa un grupo completo.

Un paladín únese ao grupo!

Rematara o capítulo anterior falando dun destripe do xogo sobre a importancia de falar cun cabalo específico. Como estaba tan perdido, e non aparecía ningún barco, aforrei para alugar outra besta para poder falar con ela. Mais non me contestou! Xa que o estaba montando, tamén aproveitei para saber se é capaz de trotar por riba do terreo velenoso sen prexuízos… mais non, e un par de membros do grupo caeron envelenados. Cando fun a ver a Lord British para curalos roubáronme o cabalo de novo.

Facer símiles entre o budismo e este xogo quédame grande.

Pero coma se fose unha compensación polo fracaso coa besta, pronto atopei un barco! Asalteino e leveino rodeando todo o continente até chegar a unha cidade illada preto da costa esta, Skara Brae. É a cidade dos exploradores e creo que o berce da runa da espiritualidade. Digo que creo porque despois de tanta volta perdín as miñas notas sobre o xogo, polo que non teño moi claro o que pasou e que debería saber, máis que mirando algunhas das capturas que teño. O que si que recordo é como rematei a última sesión deste capítulo: cruzando por un portal que me deixou nunha zona que xa coñecía pero que se atopa onde Lord British perdeu o zoco, e non podo cruzar o portal no sentido inverso porque non posúo a runa necesaria… Co barco abarloado na illa, agardo que poida atopar a runa que necesito e volver até alí, pero non conto con volver a percorrer os mares enriba da mesma embarcación.

Un final axeitado para un capítulo lóbrego.

  • Horas transcorridas: 14.5.
  • Mortes: 4.
  • Niveis: 7 (Xogon), 6 (Iolo), 5 (Julia), 4 (Jaana), 3 (Dupre), 2 (Shamino).
  • Pasos: 46500.
  • Runas obtidas: compaixón, sacrificio, honra, humildade, xustiza.