Buffy the Vampire Slayer
O meu amigo máis suramericano seguía os capítulos de Buffy, cazavampiros pola televisión. O que me contaba tiña boa pinta, pero debía coincidir con algunha hora na que eu non estaba na casa, xa que non lembro ter visto nunca nada. Certo día cheguei á casa deste amigo disposto a pasar a tarde (e a noite, se nos deixaban) coa Nintendo 64. Seguramente eu ía pensando se sería un deses días de máis Super Smash Bros., Lylat Wars ou dalgún aluguer excepcional coma o Jet Force Gemini. Pero, no seu lugar, díxome que ían botar unha película de Buffy na televisión e que prefería vela. Eu, que sempre fun de aceptar os plans alleos se estaban claros, senteime diante do televisor agardando por esa xa mítica cazavampiros. Pero non apareceu! No seu lugar acabamos vendo un drama dunha rapaza anoréxica ata que comezou a seguinte película da tarde e xa abandonamos a idea, mentres conxecturamos sobre o que puido ter pasado e decidimos a que videoxogo xogar. Que non sería un de Buffy, claro.
A miña segunda relación con Buffy foi sobre unha década máis tarde, cando intentei ver a serie en familia; mais o capítulo da profesora-barbantesa foi moi aburrido para min e aí freei. Sería outra década máis tarde cando, convencido que esta vez si ía gustarme, dinlle un terceiro e definitivo intento. E foi un éxito! Unha vez pasado o daquela profesora foime gustando máis e máis, converténdose nunha das poucas series de televisión que vin completas! De aí saltei ós cómics e ata a un libro que rimaba escenarios da serie con pensamentos filosóficos. Xa fai boa de todo iso, pero desta vez non agardei unha década antes de probar o xogo para a Game Boy Color que tamén leva por título Buffy the Vampire Slayer.
O xogo comeza cunha canción inicial… que non é a da serie. Non é un comezo prometedor, pero pouco despois xa vemos a tres persoas que din ser Buffy, Xander e Anya, polo que non está todo perdido. As súas poucas liñas de diálogo encaixan bastante ben coas respectivas personaxes e, en xeral, todo o que veremos nesas escenas debuxadas poderían ser parte dun capítulo da serie real; un capítulo máis ó nivel de profesora comendo alumnos ca de algo como Hush, pero tampouco se pode pedir moito. A outra parte do problema é que, entre cada unha desas conversacións coas “slayerettes”, temos que xogar a parte interactiva do xogo, e é algo que non lle podo recomendar a ninguén.
Basicamente consiste en ir camiñando no plano que toque, agardar que apareza algún vampiro, loitar contra el, espetarlle o espeque no peito e repetir. Trátase dun ritmo que non troca nunca. Ás veces hai que chimpar entre medias, ou coller unha lata de cola que nunca souben para que serve, pero pronto aparecerá un novo vampiro ó que tendremos que eliminar. E nin tan sequera son pelexas emocionantes, xa que eu solucionei absolutamente todas tirando o inimigo ó chan cunha patada baixa e logo acercándome para poñer a estaca no seu sitio. As únicas variacións son os debuxos dos vampiros e cantas veces tiña que botalos ó chan para acertar coa posición de aniquilar. Ata o xefe final seguiu ese mesmo padrón, sendo eliminado nuns dez segundos como moito. Xogo superado. Sunnydale está a salvo outra vez máis.