Crisis Core: Final Fantasy VII

Xa levo comentados un par de Final Fantasies nesta páxina, inda que xoguei a algúns máis na miña vida xogona. Mais á sétima edición non lle adiquei moito tempo: superei o primeiro disco, pasando o famoso destripe, pero non continuei moito máis aló. Non son, por tanto, un deses seareiros de Cloud e compañía, polo que agardei bastante en probar esta precuela do mesmo que ten moi boas críticas por todos os lados e que é considerada por moitos coma o mellor xogo do catálogo da PSP. Desta maneira, once anos despois da estrea, e canso de atopalo en todas as listas de recomendacións, decidín darlle un tento.

Neste xogo levamos a Zack Fair, un soldado novel da organización paramilitar SOLDIER que recibe unha misión importante nun momento tremendo para eles. Pero antes de iso, o xogo comeza cun vídeo do protagonista saltando dende un helicóptero sobre un tren en marcha e correndo polo seu teito mentres derrota os inimigos diante e detrás á vez que esquiva as balas que lle disparan. Moi intenso. Moi bonito. Cero interactivo. Cando tomamos control a acción non é tan peliculeira xa que o xogo é unha mestura de acción e rol, podendo movernos libremente durante o campo de combate e facendo ataques ou empregando habilidades en tempo real. Dalgunha maneira recórdame ao Hybrid Heaven da Nintendo 64, un xogo moi interesante en xeral, pero moito máis caótico.

Nesa primeira misión loitamos contra varios soldados inimigos, de maneira algo menos espectacular que na introdución, e rematamos contra un (o?) Behemoth que golpea moi duro! Como tiña lido que o xogo era moi sinxelo, eu decidín xogalo todo na dificultade difícil. Inda así, non tiven moitísimos problemas para superar a este primeiro xefe pero si que foi unha pelexa bastante tensa e interesante, en boa parte porque inda non estaba afeito aos controis nin ao sistema de xogo. Unha vez que din conta do monstro, apareceu Sephiroth nunha cinemática e desvelouse que todo era parte dun adestramento virtual. A historia continuou con máis cinemáticas, adestramento e exposicións até que por fin comezamos a primeira misión real.

Non podo dicir que entenda moi ben todos os sistemas que están en xogo nunha loita. Na esquina superior dereita hai un ruleta que, ao estilo dunha comecartos clásica, da premios cando as imaxes das tres columnas encaixan. Un deses premios é que a maxia non custa puntos de maxia. Debido o medo ao futuro descoñecido, eu tendo a forzar nas pelexas e só gastar a curación máxica cando ese efecto está activo polo que, unido ao nivel de dificultade, rematou nun “xogo rematado” nun punto que non debería ter tantos problemas. O xogo devólvenos á pantalla inicial onde podemos retomalo dende o último punto de gardado.

Até aquí todo ben: estábamo a pasar estupendamente co xogo, tiña subtítulos nos vídeos e non atopei nada que me desgustase. O peor foi cando, ao día seguinte, volvín a arrancar o xogo e non atopei maneira de saltarme a longa cinemática previa á parte de acción. Procurei unha solución por internet e non a hai, non queda outra. Aproveitei para tamén buscar as opinións respecto ao modo difícil e, efectivamente, é complicado e pode requirir múltiples repeticións para superar aos xefes máis complicados. Eu non tiña problemas con iso, pero saber que tería que aguantar unha cinemática cada vez que iso pasase quitoume as gañas de xogar. E tampouco quero xogar o modo normal que é considerado como “machaca o botón X para gañar”. Após unha hora interesante, deixo aparcado o xogo até novo aviso.