<<

Jotun: Valhalla Edition

Ola! Por petición popular adianto a entrada deste xogo, polo que haberá algunhas referencias que non encaixen hoxe co estado actual desta páxina. Houbo algo de controversia sobre si fuxín do xogo anoxado ao final da loita contra o ferreiro durante a miña retransmisión en directo, pero nada máis lonxe da realidade. Podedes atopar o vídeo da loita e unha pequena explicación do sucedido na niña canle de Twitch.


Entre o Titan Quest, o Rise of the Argonauts e, agora, este Jotun, semella que non vou deixar un ser mitolóxico virtual sen asasinar. Particularmente, nos tres casos lóitase contra titáns, polo que un bo candidato para continuar esta temática sería o Titan Souls, inda que non teño acceso a el neste momento. Ademais hai certas similitudes entre este e o Jotun, xa que basicamente ambos son definidos polas súas pelexas contra xefes, como xa veremos máis adiante.

O primeiro que destaca son os gráficos debuxados a man, que a miúdo aproveitan o zoom dramático para xerar bonitas e profundas estampas. Xunto aos debuxos, as voces narradoras en idioma islandés son o outro punto salientábel dende o primeiro minuto. Así tomamos o control de Thora, unha afouta guerreira armada cun machado que intenta demostrar despois de morta aquilo que non tivo oportunidade de facer estando viva. Para gañarse un posto como valquiria terá que atopar en cada curruncho do mundo un par de runas e loitar contra o titán residente.

A parte de percorrer cada escenario soe ser máis un exercicio de de orientación ca un desafío tradicional, no mellor dos casos. Outras veces hai que seguir un camiño máis ou menos linear evitando as poucas ameazas do mesmo. Só nun escenario loitaremos contra moreas de ananos que nos atacarán sen moito motivo. Estes encontros rematarán co chan totalmente cuberto cos seus corpos, provocándome unha sensación de culpa polo innecesario da masacre. Pero coido que este é máis un sentimento persoal que outra cousa, especialmente da miña lente após experimentar outros xogos coma Shadow of the Colossus ou Spec Ops: The Line.

Colosos tamén son os titáns que fan as veces de xefes finais de cada área. Son pelexas que, polo xeral, tiran cada o espectro complicado e que requirirán varios tentos para ser superadas, e paciencia. Son a parte máis interesante do xogo, pero considero unha mágoa que algúns baseen a súa dificultade en partes que se desprazan ao chou, xa que abaratan a experiencia. Os padróns de ataques son sinxelos de deprender e aproveitar para atacar, poñéndonos no papel de ter que escoller entre golpes rápidos e fébeis ou lentos e poderosos; o clásico nestes casos. Unha morte fará que teñamos que volver ao comezo da pelexa, listo para darlle un novo tento.

Superei a historia en tres hora e media, pero inda fica un bo camiño para completalo totalmente. Ademais de viaxar polo mundo recuperando todas as melloras que deixei por aí sen recoller, tamén teño varios desafíos abertos relacionados cos xefes. Hai un novo modo Valhalla onde poderemos loitar de novo contra eles con máis dificultade, e unha boa colección de acadamentos se conseguimos liquidar aos titáns con velocidade ou con certas restricións. Pero, coma case sempre, deixarei iso para outra volta.