Orcs Must Die!

Cando comecei a publicar este diario en liña, con grandes épicas sobre o Shining Force ou o Suikoden, pensei en escoller unha canción para cada xogo comentado. Non recordo cales serían para os dous mencionados, pero é obvio que a banda sonora non oficial deste Orcs Must Die! sería o éxito de 3 Inches of Blood axeitadamente chamado Destroy the Orcs! Cada vez que comezo unha nova partida soan eses primeiros acordes na miña cabeza, pero ao mesmo tempo sae unha música dos altofalantes que quizais podería ser descrita coma un metal sinfónico lixeiriño. Non desentoa co resto da obra, inda que acompañe todos os niveis sen variacións e no medio da loita o meu cerebro a filtre totalmente. O outro gran éxito sonoro é a fanfarra de vitoria ao rematar o nivel, que o protagonista baila namentres certa espectadora asubía ao ritmo.

A secuela deste videoxogo tivo algo de éxito entre as miñas amizades, supoño que en parte polo modo cooperativo. Eu decidín comezar polo orixinal e, na miña mente, era unha especie de Deception/Trapt máis dinámico, pero conservando esas combinacións tan sádicas das trampas onde as vítimas compórtanse coma bonecos, rebotando dun lado cara outro antes de rematar empaladas e decapitadas. Polo menos na maioría dos meus tentos, resultoume un fracaso o de montar esas cadeas de destrución sincronizada, xa forse porque non encaixaban os tempos, a efectividade ou porque en realidade nin facía falla tanta elaboración. Na miña opinión, é máis interesante maximizar o dano en xeral aos inimigos coas trampas preferidas de cada un e estar atento coa bésta e as maxias para asegurar o núcleo e apurar a rolda.

Porque parte da graza deste defensa de torres é que controlamos ao protagonista, que colabora coas súas (nosas) propias habilidades na defensa. Para o meu gusto, o dano que é capaz de facer este personaxe medianamente ben manexado é demasiado, especialmente coas habilidades que consumen maná. A nosa presenza é case obrigatoria cando aparecen kóbols cazadores ou ogros, e o xogo está equilibrado con iso en mente, polo menos no modo normal. Inda así tende a ser unha dificultade doada, por moito que chegase a ver a pantalla de derrota unha vez e estivese bastante lonxe de conseguir o máximo número de caveiras en cada nivel. Esta puntuación basicamente mide a calidade da defensa tendo en conta o tempo que levou e o número de inimigos que atravesaron o núcleo que hai que defender.

Estas caveiras obtidas pódense empregar como moeda para desbloquear melloras permanentes para as trampas. Son pequenos detalles coma un menor custe ou algo máis de eficiencia e non existe máis dunha actualización para cada elemento, polo que non é un incremento de poder constante e sen fin coma no Dungeon Defenders, outro deseño con ideas moi semellantes pero onde a necesidade de acumular puntos de experiencia continuamente marcaba todas as partidas. Aquí supoño que funciona máis ben coma un incentivo para acadar a excelencia ca coma unha necesidade para poder progresar. Todo isto, tamén é certo, dito dende o punto de vista da dificultade estándar. Ao rematar esta campaña, logo de seis horas no meu caso, desbloquéase o modo pesadelo con novos desafíos para os niveis que xa conquistamos.

Xunto co Defense Grid, este Orcs Must Die! é o único xogo de defensa de “torres” que xoguei nos últimos tempos. Tiña anotados algúns máis da miña ludoteca, coma o Sanctum 2, pero penso que polo de agora xa é abondo, xa que ademais ese tamén inclúe unha boa parte de estrés e require actuación constante para maximizar o noso impacto. As hordas non descansan e o meu índice tampouco: se cadra o de vincular o dano-por-segundo á velocidade dos clics tamén pasou factura. Chegaba un momento en cada nivel no que xa poñía as trampas ao chou onde existise espazo sen preocuparme moito do seu interese estratéxico. En xeral non foi mal, pero resultou unha experiencia bastante caótica.