<<

Plants vs. Zombies

Non tiña pensado escribir sobre este xogo, da mesma maneira que non tiña pensado xogar máis de dez horas ao mesmo… e ao final foron quince. No comezo empregueino coma unha escusa para poñerme ao día nos podcasts mentres facía algúns clicks. Pero, tras rematar a primeira volta da campaña, continuei cos modos de xogo adicionais sen radio nin música externa. Retireime tras lograr o acadamento de obter todas as plantas, pero inda había máis que facer, como completar unha segunda viaxe pola campaña ou o minixogo ese de estilo crebacabezas no que inflúe o azar máis do que debería.

Este xogo xa ten máis de dez anos, e ese é máis ou menos o tempo que fai dende que o probei por vez primeira. Téñolle un certo agarimo nostálxico porque foi o que levei instalado no portátil cando aterrei no estranxeiro e non tiña internet (tamén estaba o Civilization IV, pero precisaba algo máis sinxelo eses días); coido que á semana seguinte xa me esquecera del en favor do Heroes of Newerth, un clon do Defense of the Acients, pero esa é outra historia. Tardaría un ano e pico, xa en terras galegas, en rematar a partida do Plants vs. Zombies e moito do contido opcional. Quizais puidese rescatar a partida gardada daqueles tempos, pero xa decidira facelo todo dende o comezo outra vez.

As mecánicas de “torres de defensa” son sinxelas pero funcionan ben. A estas alturas a campaña principal non ten ningunha dificultade, e a meirande parte do contido adicional é máis cousas de paciencia que nada. Os xogadores con experiencia podemos forzar cada nivel empregando plantacións de maravallas que, no lugar de outorgar unha solución ao nivel actual, soltan moedas que podemos empregar para desbloquear máis funcionalidades. É unha boa maneira de deseñar un desafío con dificultade variábel adaptado ao nivel do xogador, xa que é este o que decide até que punto asegurar a vitoria ou maximizar os puntos obtidos.

En xeral non atopei nada novo que non recordara das miñas partidas do pasado, inda que tamén é certo que non experimentei moito coas combinacións de plantas, centrándome nos conxuntos que xa sabía que eran efectivos. Hai algunhas variacións nestes conxuntos atendendo ás diferentes características de cada escenario: se hai piscina, é de noite ou sucede no tellado; pero en liñas xerais sempre empreguei as mesmas estratexias ao longo de toda a campaña. Coido que non paga a pena pormenorizalas, e xa escribín máis sobre este xogo do que tiña pensado, polo que cortarei neste punto o artigo, inda que sexa máis curto que de costume. Até o seguinte!