Shinobi II: Silent Fury

Logo da viaxe nostálxica polo primeiro Shinobi da Game Gear decidín probar a súa secuela, xogando por vez primeira no que vai de século, a un xogo “novo para para min” desta consola portátil. Nesta entrega volve Joe Musashi cos seus catro amigos de cores, os que hai que liberar outra vez nun número idéntico de niveis antes de enfrontarse o labirinto final, onde se atopa o xefe máis malvado. A premisa é, por tanto, similar ao meu xogo de infancia, pero evolucionaron ben os conceptos básicos do mesmo para potenciar a exploración. O cambio máis notábel para tal fin é o de deixar abertos os niveis para podelos revisitar logo de superalos por primeira vez. Non só iso, xa que ademais será preciso volver a eles cos ninjas axeitados para atopar os cristais agochados polos diversos recunchos.

Eu comecei polo nivel do edificio en construción, polo paralelismo co nivel inicial máis habitual da entrega anterior. Non tiven moitos problemas ascendendo até chegar ao xefe do nivel. Superalo xa foi outra cousa, porque por moito que o robot só tivese dous ataques diferentes e ben telegrafados, eu non atopaba unha posición segura para castigalo. A solución, polo menos co ninja vermello, pasaba por poñerse xusto debaixo e, unha vez detectada, non tardei en deixar atrás este atranco e liberar o power ranger ninja amarelo. Con esa nova incorporación, semellaba lóxico seguir o camiño paseando polo canón. A xa coñecida habilidade do amarelo para camiñar pola auga, xunto co seu novo ataque en forma de estrela ninja xigante, foron abondo para chegar até o xefe final da fase e, tras múltiples tentos, liberar o colega azul.

Lembrando que no edificio había unha ancoraxe para o gancho, volvín alí co trío e obtiven acceso a unha zona nova. Alí atopei o primeiro dos catro cristais que se precisan para acceder ao derradeiro nivel, e tamén confirmei que esta era a maneira de proceder. Seguindo esa mecánica, liberei os outros dous ninjas e atopei os outros tres cristais sen moitos problemas. Polo camiño tamén descubrín que existían unhas melloras da vida máxima, unha en cada un dos catros niveis, polo que tamén andei na procura delas. A exploración para ambas cousas podería ser máis ou menos lea, pero non había un risco xeral de perder vidas. Logo de atopar todo iso, puxen rumbo cara o lar do xefe final.

Este derradeiro nivel toma tamén unha forma semellante á da entrega anterior. Trátase dunha serie de desafíos que, ás veces, rematan nunha bifurcación. De cando en cando volveremos sobre zonas polas que xa pasamos, polo que, con axuda duns identificadores que se atopan nas portas, fun completando un mapa que me axudaría a chegar, eventualmente, á última sala. Alí hai que loitar primeiro contra catro ninjas inimigos, coas mesmas cores e habilidades ca as dos protagonistas, antes da verdadeira loita final contra o malo vermello, que se converte nun monstro moi feo. Non conseguín derrotalo nas catro vidas que me restaban, polo que tiven que tirar da miña duodécima continuación e reintentar todo este nivel outra vez máis dende o comezo. Por sorte, tanto a práctica coma o mapa servíronme ben e pronto cheguei de novo ao encontro final, superándoo nuns poucos tentos!

Como non quedara satisfeito de todo por teres abusado das continuacións infinitas, optei por darlle outra volta dende o comezo e ver se podería pechar cunha vitoria máis limpa. Non tiña un plan para os primeiros catro niveis, pero tirando de memoria e avanzando aos poucos conseguín chegar ao quinto nivel con todas as melloras de vida e sen ter morto nunca. Progresei así mesmo polas primeiras habitacións da base final sen problemas e empreguei a técnica secreta do azul para voar na sección de plataformas verdes máis complicada. Desta maneira cheguei ás loitas definitivas cunha morea de vidas e, contra todo prognóstico, non me fixeron falla porque tamén superei o que quedaba sen perder ningunha vida. Agora si que podo ser chamado sensei da Game Gear.