<<

Side Pocket

Algunhas das anécdotas que teño relacionadas co billar pasan dende aquela vez que un pícaro de cinco anos rompeume a boca cunha bóla nun cámping galego, até un intento de partida nun decadente bar danés, sen esquecer aquela bóla raiada verde que roubou un compañeiro de secundaria e que, por algún motivo que nunca comprendín, ma regalou. Non obstante, aquelas partidas con amigos da facultade que xa non se poderán repetir seguen sendo das máis especiais para min. Hoxe en día case todos os billares foron substituídos por máquinas de apostas, polo que videoxogos como este Side Pocket da Super Nintendo son a maneira máis sinxela de empuxar a bóla branca. E a máis fácil tamén, xa que teño moita mellor puntería nos videoxogos que na realidade.

Normalmente agardo a completar o xogo para falar del, pero esta vez rendinme antes de conseguilo, inda que si que penso que experimentei todo o que pode ofrecer o xogo. O modo principal consiste en diferentes niveis onde teremos que acadar certa puntuación encanastrando todas as bólas, obtendo puntos adicionais por metelas nos buratos en quendas consecutivas e por acertalas na orde numérica das propias esferas. Cada disparo que non resulte nunha bóla menos na mesa restaranos unha vida. Se non conseguimos superar a puntuación obxectivo teremos que repetir o nivel dende o comezo; se a superamos, teremos que facer con éxito un “trick shot” para viaxar á seguinte fase e atopar a unha nova muller á que impresionar (esa parte non ten moito senso).

Os “trick shots” son unha mestura de crebacabezas e execución, semellante á realidade que simulan. E foron precisamente estes tiros con truco os que me fixeron abandonar o xogo sen rematalo, xa que só temos unha oportunidade e atopar a solución non é nada doado. Certo é que hai un modo onde poderemos practicar, pero teremos que experimentar moito cos diferentes ángulos, forzas, puntos de aplicación dos impactos e iso dos “massés” que nin sabía o que significaba nin como funcionaba (agora si, un pouco).

Unha característica de cada quenda é que non poderemos escoller exactamente o ángulo de tiro, senón que só poderemos trocalo nuns incrementos fixos, polo que ás veces resulta frustrante non poder golpear directamente a unha bóla no punto axeitado para encaixala no burato. Supoño que con tantos efectos, e a posibilidade de facer longas carambolas, apenas haberá escenarios nos que non será posíbel facer un tiro con éxito, mais na práctica atopo rachas nas que non deixo de errar disparos. Non creo que haxa nada avolto no código, simplemente será ese factor humano que mesmo pode facernos perder a atención ca facer fazañas case imposíbeis.

Para darlle algo máis de variedade hai diferentes configuracións iniciais das bolas, tanto en forma coma en número, ademais doutros detalles que afastan o xogo da simulación, coma poden ser buratos con puntuación especial ou supertiros. Nótanse ben as raíces “arcade” do xogo, o que tamén lle dá unha certa rexogabilidade. É unha mágoa que o tema dos “trick shots” obrigatorios non me permita alcanzar as dúas últimas pantallas até que os descifre e poda repetilos sen fallos. Agora non me apetece nada poñerme con iso así que deixareino para outra vez, se cadra coa axuda dalgunha guía.