Taekwon-Do

De raparigo fixen algúns anos de karate. O máis divertido era cando facíamos “kumite”, o combate. Era bastante máis inofensivo có que podemos ver neste Taekwon-Do da Super Famicom, pero tamén son deportes diferentes. Polo menos neste xogo os golpes son de verdade e nin sequera hai proteccións, algo que é moi aparente pola cantidade de loitas que rematan en K.O., e que ten certa importancia na loita final do modo historia. Pero inda non falarei diso, así que comecemos polos básicos.

Como non podería ser doutra maneira, os combates son un contra outro. Cun atento árbitro de por medio, cada golpe dado con éxito contra o rival transfórmase nuns puntos que poderán ser decisivos ao final do combate, sempre e cando non rematase antes dos intensos dous minutos, xa sexa por K.O. ou por cinco caídas do mesmo loitador. O cálculo total de puntos non é visíbel até que o cronómetro chegue a cero, polo que levar unha idea na cabeza de por onde van os números pode dar unha vantaxe táctica interesante. Iso, ou bater constantemente cos pés na testa do contrario até que non sexa capaz de levantarse. Ambas opcións son igualmente válidas.

Eu escollín esa idea de ir polo camiño do K.O. como vía de vitoria. Elixín a Kai por ser o personaxe con máis forza, logo de probar algúns outros que non me encaixaban tan ben. O bo deste enfoque é que pode remontar un mal comezo no terreo dos puntos ou das caídas, algo moito máis difícil cun enfoque tradicional. Desta maneira decidín enfrontarme aos combates con tranquilidade, controlando ben as distancias e os tempos para asegurar os golpes. Sentinme un pouco coma un xogador profesional de Street Fighter, sorrindo cada vez que o rival  saltaba cara min porque sabía que era unha maneira doada de castigalo. O único que me fallaba no meu plan eran os golpes cando o outro loitador desprazábase cara un plano diferente do que se atopaba o meu personaxe. Nese caso as físicas de contacto son moi estrañas e nunca me axeitei a elas; penso que é un dos puntos máis febles do xogo.

O modo historia consiste en catro campionatos consecutivos, que fun que de gañar sen ter que “continuar” en ningún momento. Da narrativa non podo falar con ningunha profundidade, xa que os únicos dispoñíbeis son o xaponés e o coreano, dos que non sei nin papa. Pero, do que entendín, hai un grupiño que viste kimonos escuros (algo parecido á bata de loito do Galicia Noticias) e que non están moi contentos porque eu gañe tantos torneos. Non loitei contra eles até o cuarto campionato e foron rivais moi dignos, algún foi capaz de facerme unha combinación que máis ben semellaba ao especial de Ryo Sakazaki do King of Fighters. Pero a verdadeira sorpresa chegou no combate final: o contrario pegoulle unha patada ao árbitro nada máis entrar no tatami. A partir dese momento a interface troca a unha con barras de vida tradicionais e comeza unha loita sen regras até que só se manteña un dos loitadores en pé. Un final bastante interesante para un bo xogo do que non teño oído falar moito.