<<

Turbo Pug DX: corazón da escuridade

Facer un xogo sinxelo con sesións medidas en segundos non debería estar contraposto a facer un xogo decente. Este Turbo Pug DX para PC comeza cunha premisa simple e uns gráficos aceptábeis pero apáñase para facer todo o resto mal. Un cadeliño vai correndo sen fin cara a dereita da pantalla atopando obstáculos polo camiño. A única opción que podemos facer é apertar un botón par que o can brinque unha e outra vez até atopar a morte irremediabelmente. Nese momento podemos comezar rapidamente unha nova partida… a non ser que empreguemos un mando, xa que este permite saltar mais non seleccionar os menús.

Para darlle un pouco máis de contido, en cada partida podemos obter uns “puntos-can” e as letras do título do xogo. Os primeiros permítennos desbloquear novos personaxes animaliños que, polo que vin, teñen unha velocidade distinta do can inicial e/ou a habilidade de dobre salto, que non encaixa nada neste xogo. O problema é que os “puntos-can” obtidos nunha carreiriña dependen máis da sorte para que aparezan ao chou as caixas que outorgan 25 que boa parte da pericia do xogador.

A colección das letras do título tamén é de pesadelo. Saen ao chou, non moi habitualmente, e na maior parte das aparicións son repetidas das obtidas en partidas anteriores e, por tanto, inútiles. Unha vez obtidas todas, gañamos unha única oportunidade para xogar a un minixogo. Un minixogo mal explicado e que rematará antes de comprender como vai, sen posibilidades de repetir. Tendo en cona que na hora longa que xoguei só obtiven dúas veces todas as letras, tería que pasar un bo rato até que superase ambos minixogos.

O modo principal do xogo, polo súa banda, non é ningunha marabilla, pero cumpre a súa función. Eu só xoguei até que cheguei aos cincocentos metros percorridos nunha vez, polo que non sei se hai algo máis novo despois diso. A velocidade sempre é constante e os compoñentes do escenario saen ao chou, inda que están feitos de pezas que aseguran que non hai camiños imposíbeis. Pese a iso, hai un incremento de dificultade ao chegar a douscentos cincuenta metros que, sen resultar inxusto, aumenta moito as posibilidades de morrer. Coma xa dixen no comezo, non é un mal sistema de base pero o resto de carencias do xogo fan un resultado insufríbel.

Desta vez non teño capturas propias para intercalar entre os parágrafos, e non me apetece buscalas por aí. Para compensar, e seguir co de facer o que me peta nesta páxina, agasállovos un poema inédito meu que lle adiquei á novela Corazón da escuridade de Joseph Conrad, escrito en versos alexandrinos e en castelán. Síntoo moito.

Aclamada un montón por su negrura,
a mí me pareció bastante tongo:
Conrad quería hablar sobre locura
en un viaje a través del río Congo,
pero no consiguió más que la amargura
en forma de un tostón que se hace longo.
Ser lectura obligada no es favor,
los estudiantes gritan: ¡el horror!