Unchained Blades. Capítulo 6, o último desexo

Inda que no comezo non daba un can, resulta que hai unhas evolucións nas personalidades e comportamentos dos protagonistas. A medida que avanza a narrativa, os enlaces entre eles estréitanse até o punto no que, antes da pelexa final deste capítulo, cada un gasta o único desexo que pode pedir na súa vida para axudar a algún compañeiro. A idea é sinxela pero confesarei que funciona ben. Veremos que pasa co desexo final de Gonte, o Emperador Dragón protagonista cunha personalidade similar a Vexeta, que é o único con posibilidade de facer que a deusa Clunea cumpra a súa vontade. Mais iso será na seguinte entrada porque, contra todo prognóstico, o xefe final foi un anxo e non a deusa. Ela fuxiu a un novo titán para estender máis o número de liñas escritas por min sobre este Unchained Blades. Como continúe deste xeito, vou ter máis entradas ca o libro de Andrzej Sapkowski sobre o bruxo Geralt de Rivia que comparte nome con este capítulo. Falando do cal, inda non teño moi claro se a saga de The Witcher será para min, as críticas tenden a ser boas pero non hai nada que me chame sobre eles.

Pero volvendo aos personaxes que nos concirnen agora, hai un tema relacionado do que inda non falei: a orixe de todos os monstros. Neste mundo os habitantes nacen con formas humanas e non é até a madurez cando mutan á súa verdadeira forma. Mais non é nese punto monstruoso cando se converten neses seres que nos atacarán nos alxubes uns segundos antes de rematar irremediablemente finados. Iso sucederá cando se deixen levar pola súa natureza salvaxe, rexeiten a civilización e migren aos alxubes a vivir tranquilamente cos seus semellantes. A verdade é que non soa tan mal; mágoa que os invasores non os vexan coma moito máis ca un encontro molesto que hai que superar o antes posible. De cando en vez os protagonistas tamén poden “desencadealos”, devolvéndolles a fala e integrándoos no seu exército coma seguidores.

Eses seguidores son os que organicei un pouco máis axeitadamente para este capítulo, desbloqueando un par de maxias poderosas de Silvela para dar boa conta de grupos de inimigos. Non fixen moito máis neste aspecto, pero foi abondo para superar o novo alxube en tan só tres viaxes e sen empregar consumibles a carradas. Certo é que deixei sen explorar bastante superficie e tampouco rematei todas as buscas, polo que volverei aquí a facer os deberes nas seguintes sesións. O conto foi que nesta terceira incursión decidín probar sorte co xefe final, sen sequera cargar os niveis de “burst” nin os puntos de maxia, e resultou moi doado vencelo, especialmente para un xogo con sona de ser difícil. Xa veremos se o seguinte capítulo é definitivamente o último e se haberá unha subida da dificultade ou non. Todo apuntaría a que si pero xa non sei que pensar.

O que é seguro é que xa desbloqueei todas as habilidades dos nodos dos personaxes que máis me interesaban, inda que non puxen moitas en acción. Agora estoume a centrar nas pequenas pasivas para ter os números un pouco máis da miña parte nos combates, e non semella que estea a funcionar nada mal. O sistema está ben pero non permite personalizar moito aos personaxes e hai moitísimas habilidades que ou ben non se empregan porque non encaixan as ánimas ou porque xa non son útiles. O que é seguro e que non podes ficar con esa impresión de ter desperdiciado moitos puntos xa que hai abondo para chegar a moitos lugares.

E deixei para o final da entrada o de falar das mecánicas particulares introducidas neste capítulo porque non hai moito que salientar. No templo dos ceos hai un tipo novo de portas transparentes que se poden cruzar premendo un botón da PSP, coa única novidade de que se a intentamos atravesar cando aparece o raio que a protexe os nosos personaxes recibirán un pouco de dano. Na práctica é moi doado evitar e non será máis ca unha pequena pausiña no noso percorrido. Até a animación do raio é ben cutre! Diría que consiste exclusivamente en dúas imaxes. Teño un pouco de medo que o seguinte capítulo tamén teña apurado o deseño e non poida rematar nunha nota alta. O meu desexo para Cluena vai por esas liñas. O de Gonte como será?

  • Tempo de xogo: 35 horas.
  • Nivel medio dos personaxes titulares: 39.5.
  • Personaxes manexados: 8.
  • Personaxes femininos: 5.

Unchained Blades. Capítulo 7, a creadora

Comecei este sétimo capítulo completando as misións que me quedaron abertas no Templo dos Ceos do anterior capítulo. A motivación e case puramente extrínseca, xa que as recompensar normalmente non pagan a pena. Para este capítulo final no derradeiro titán xa non me preocupei tanto de levalas ao día nin de explorar a totalidade do mapa máis aló das dúas primeiras incursións. Na terceira cheguei directamente a Clunea, a xefa final desta historia e creadora de todas as cousas sobre a terra. Como é posible gardar a partida xusto antes da dobre loita non me preparei nada para ela, polo que comecei sen ter as barriñas de “burst” a tope e os puntos de maxia ao setenta por cento. Resultou máis ca abondo e non tiven que empregar ningún obxecto no medio da loita; até esquecín empregar as maxias que melloran as estatísticas de combate na primeira quenda da segunda fase.

O final narrativo foi acelerado. Explicouse como toda a cobiza dos dos desexos pedidos á deusa durante tanto tempo acabaron por pasarlle factura e toleándoa. E iso foi do pouco salvable de todas as conversacións resultantes. No que noutrora semellábame un ar fresco por ter esas interaccións que me lembraban aos animes dos meus tempos mozos, agora xa me parecen máis infantís e pouco interesantes. Todos os temas románticos non encaixan de todo, e ben poderían terse aforrado polo menos o infame intento de relación entre o príncipe-golem e a boneca-planta. O derradeiro desexo pedido no xogo, o de Gonte, seguiu con esa moda de gastar algo tan poderoso nunha nimiedade; non é que non encaixe coa súa personalidade pero tampouco veu ao conto. Claramente a cadea de favores do capítulo anterior foi o punto máis interesante de todo o xogo respecto aos desexos, inda que tamén se tería solucionado pensando e falando un pouco. Mais iso pódese aplicar a todos os conflitos do mundo.

No canto das mecánicas non houbo nada novo neste último titán. Cada andar ten unha morea de casas para explorar. A cuarta, ademais, ten moitos buratos que rematan nuns sumidoiros na planta inferior que nos obriga a volver a comezar outra vez o camiño. Nos niveis superiores, xusto antes da loita final, hai uns espazos moi diáfanos que decidín non explorar, non fora a ser que aparecesen encontros ao chou que me enfastiasen a incursión. Fiquei con ganas de percorrelo con tranquilidade. Pero non eran as suficientes xa que desinstalei o xogo logo dos créditos, por moito que me avisase dun novo alxube para seguir co videoxogo. Esa “Arca Infinita” promete un sistema de alxubes ao chou con cen andares por aventura. Pero as case sesenta horas que lle adiquei a experiencia foron abondo!

Nese tempo subín máis dun nivel por personaxe e hora, polo que, por moito que se atrancase algún alxube, sempre tiven a sensación de avanzar, facer ao meu grupo máis forte e desbloquear poderosas habilidades que nunca empregaría por tor non ter as ánimas axeitadas. Reflexionando sobre isto cheguei á conclusión de que canto máis complexo sexan os sistemas de equipamento e habilidades, máis lenta debería ser a progresión bruta das estatísticas dos protagonistas. É dicir, marcar ben a contraposición entre a mestría das mecánicas contra os números puros. Semella que hoxe en día non se leva moito, pero bótase algo de menos o de rematar unha partida por embaixo do nivel vinte.

Con todo alédome que este Unchained Blades fose a miña primeira partida en moito tempo a un xogo de rol en primeira persoa ao estilo dos Wizardry. Serviume para asentar os básicos dunha maneira non demasiado esixente, especialmente por non ter que levar a conta dos mapas con lápis e papel. Inda non sei se continuarei por aí. Polo de pronto destripeime que no Shining in the Darkness hai algunhas casas que rotan ao grupo sen avisar pero sempre na mesma dirección (ou iso creo). Pode que ese coñecemento facilite a futura labor de pintar o mapa… ou pode que axude á miña preguiza o de saber que seguramente terei que facer correccións nos mesmos. Pero iso será noutra entrada sobre outro xogo. Fin do Unchained Blades!

  • Tempo de xogo: 55.5 horas.
  • Nivel medio dos personaxes titulares: 67.
  • Personaxes manexados: 8.
  • Personaxes femininos: 5.