<<

WWE SmackDown vs. Raw 2011

– Ola e benvidos todos a este programa especial adicado á lendaria loitadora Xermade “Xogona” Xesteda! Ao meu pesar, Vince McMahon, o amo e señor de MediaLar dende hai unha semana, non me deixou escoller compaña para hoxe, así que velaquí está outra vez o único e irrepetíbel Matemáxico!
– Grazas, Eu-Xogoth! Ti tamén es único e irrepetíbel! Inda que no sentido matemático do termo un ente cósmico coma ti non po…
– Mais non desviamos a atención de Xermade, que nos podes contar das súas orixes?
– Pois a verdade é que non moito! Din que ven dun lugar chamado “Parts Unknown”, pero pouco se sabe anteriormente á súa fichaxe por SmackDown.
– Vaites! Eu contaba con algo máis pormenorizado e numérico, pero case mellor así. Diremos que entrou no circuíto profesional coa súa indumentaria negra e o seu pano multicor disposta a repartir golpes neste Pressing Catch.
– Hai vinte anos que non se usa tal termo! Agora hai que dicir “industria de entretemento deportivo”.
– Como sexa! O importante é que leva máis roupa que o resto de divas da súa división xuntas e non por iso é menos espectacular.
– Tampouco é moi complicado xa que é unha división con tan só catro mulleres contándoa a ela.
– Si, claramente a paridade non é o forte dos McMahon. Un pequeno corte e pasaremos a relatar os comezos da aventura de Xermade en SmackDown.
– E recordade, non dividades entre cero nin fagades isto na casa!

– Xa estamos de volta. Matemáxico, que nos podes contar dos comezos da nosa Xogona preferida?
– Estreouse en SmackDown contra Kelly Kelly e conseguiu dar boa conta dela a pesares de ser nova no asunto.
– E tras rematar ese combate tivo outro inmediatamente contra Gail Kim, debeulle ser moi complicado!
– Pois nin tanto. Eu diría que tivo unha dificultade de 0.5 sobre 1 nos seus primeiros tres combates, pero logo subiu a 0.75 sobre 1 nos seguintes. Aí comezou a ter algúns problemiñas e a súa razón de vitorias gañadas veuse prexudicada…
– (A razón a tiña eu cando non quería contar contigo.)
– …mais pronto volveu a aproximarse a 1 cando conseguiu axeitarse ao nivel dos desafíos.
– Uns desafíos un pouco aburridos, non? Ou ben unha contra outra, ou unha contra outra contra outra, ou unha contra outra contra outra contra outra. Non había nada máis interesante?
– Matematicamente eran interesantes! De feito tivo a maior serie consecutiva de loitas contra a mesma persoa, 8 combates contra Beth Phoenix, todos con vitoria para Xermade. E non esquezas aquela colaboración por parellas mixtas.
– Preferiría ter esquecido todo iso. O das parellas mixtas tiña esa regra tan cretina que impedía que puidesen loitar os homes contra as mulleres, e de feito descualificaron á nosa protagonista por non agocharse a tempo do rival masculino.
– Abofé, tras cinco segundos nos que non conseguiu facer o relevo.
– E o dos combates contra Beth Phoenix xa foi o peor. Xermade era a candidata número un para ser a campioa das mulleres pero o Universo WWE non quería programar unha loita polo cinto!
– Tiveron que pasar 9 meses até que iso sucedeu.
– Pero para entón Xermade estaba sendo simulada e deixou de ser a primeira candidata. De seguro que o cretino de Vince McMahon estaba anoxado con ela!

– As posibilidades de que iso sucedeuse ao chou eran do 0.2718%.
– Ao final recuou e, algúns meses máis tarde, invitou a Xesteda a unha loita a tres polo título.
– Unha loita a tres que tamén requiriu de tres intentos para que Xogona fora a gañadora.
– Si, aí xa estaba farta de todo o sistema e non fixo o seu mellor traballo. Ademais hai que ter en conta que unha loita a tres bandas é sempre un pouco lotería, porque dependes máis de ter tempo para facer a conta atrás sen que a terceira o fastidie que outra cousa.
– Entre unhas cousas e outras tardou dous anos en ser a gañadora!
– Polo menos foron dous anos con xiros argumentais.
– Como aquela vez que pasou a ser una cara-bebé durante catro segundos e medio. O segundo xiro máis rápido da historia de SmackDown.
– O tempo que tardou en baixar a rampla e bater polas costas a Beth Phoenix, pero é que xa estaba farta dela. Logo volveu a intentar ser das boas durante un bo anaco, coa intención de ser invitada a loitar polo título, pero ni con esas houbo maneira.
– Quizais no futuro a man do destino non deixe tanto da man do azar e escolla mellor os encontros.
– Coido que a man do destino non ten moitas ganas de seguir con esta leria. A xogabilidade deixa moito que desexar e a dificultade ou ben é moi baixa ou moi alta. Inda que sinte curiosidade por todo o metamundo do wrestling semella que non é o suficiente para loitar contra esta edición, quizais busque algunha outra variante, pero iso inda esta por ver.
– Oes, que estás rompendo o cuarto muro!
– Deixa de contar tabiques e imos rematar con isto. Grazas a todos pola vosa audiencia. Falouvos o voso ente cósmico preferido, Eu-Xogoth!
– E o voso servidor Matemáxico; para servir ás matemáticas e a vostedes.
– Boa sorte na vosa vida…
– O concepto de sorte n…
– … e boa noite a todos!
– Boa noite!

– Oes, Matemáxico, cal é a probabilidade de que Vince McMahon nos escoitara?
– Preto do 100%.
– E de que continúe sendo o xefe de MediaLar?
– Despois disto, o 0%.
– Entón nunca máis terei que aguantalo por aquí!
– En realidade unha probabilidade do 0% non quere dicir nunca, senón…
– Vai durmir, Matemáxico.