Shining Force, resumo final

Após narrar capítulo por capítulo a miña partida a este xogo (enlace ó primeiro), vou facer un pequeno resumo final do mesmo.

Empezarei dicindo que este Shining Force xa estivo no meu punto de mira fai uns anos, pero non o cheguei a estrear porque non me convencía a parte de non poder recrutar a tódolos personaxes sen empregar unha guía ou, por calquera outro motivo, non ter unha partida “perfecta”. Non foi algo exclusivo deste xogo xa que a miúdo buscaba cales son as cousas “perdíbeis” antes de comezar algunha partida e máis dunha vez, deixei o xogo apartado pola preguiza de ter que conseguilo todo ou polo medo de non facelo. Pero esta vez foi diferente e xogueino todo a cegas e sen medo ningún.

Tardei varios anos en decidirme, pero  si! Axudarei!

Ó final só me perdín catro personaxes: un centauro con aspecto de bébedo, un robot, un ninja e un samurai; ningunha muller, polo que a relación final sería un 23%. Hai algúns cuxa masculinidade non fica de todo clara polo debuxo, pero os nomes e outras clasificacións que hai pola rede danme a razón. Semella que moitos dos personaxes que non incorporei á miña Shining Force particular son tamén dos máis fortes, pero a verdade e que tampouco me fixo falla nos compases finais do xogo, que era cando se podían unir.

Algo que si que me perdín, principalmente por non probar moito, foron moitos aneis que si conseguín pero que non acertei cos personaxes que os poderían empregar. Tampouco me decatei de que algúns podían ser empregados en combate unha vez equipados para lanzar certos feitizos específicos para cada un. Isto podería provocar que se rompesen e houbese que os reparar nunha tenda, unha opción que cheguei a pensar que só estaba aí como mención ó xogo anterior da saga e por completar o menú. Exactamente o mesmo que pensei da sección de “ofertas especiais”, que agora leo que é un recurso para obxectos de nivel alto que se venderon ou que non se tivo opción de conseguir durante unha batalla anterior.

Algún dos efectos que me perdín ó non empregar os aneis.

Excepto un par de batallas que consumen moito tempo na parte de mover a tódalas unidades en formación sen desafío ningún, todas están bastante ben medidas para que duren uns cómodos vinte minutos. Por desgraza, a maior parte das estratexias gañadoras consisten en abusar da intelixencia artificial dos personaxes inimigos para facelos comportarse dunha maneira previsíbel ou acabar con eles sen que teñan opción de responder.

Pola banda da historia recoñezo que non comezou mal e que o final estivo ben, inda que prefería darlle a nota tráxica, ou polo menos de misterio, e que non se soubera que Max sobreviviu sen aportar ningunha explicación. A maior parte do que pasou entre o primeiro e o último capítulo non tivo tanto senso e semellaban ser cousas máis ó chou que realmente necesarias para avanza-la trama. Quédome máis coas mecánicas, por moitas fallas que teña, que co argumento.

A parte da historia onde hai un circo con pallasos asasinos é un fito.

Polo de pronto non me quedan moitas ganas de xogar á secuela, especialmente porque ten unha duración maior que este xogo e non teño moi claro se pagará a pena. Teño algo máis de curiosidade por probar en serio algún dos Fire Emblem, pero recoñezo que a parte de poder perder definitivamente ós personaxes non me atrae tanto. Normalmente teño a regra de non cargar unha partida a non ser que non teña máis opción, e iso non se leva tan ben coa parte de chegar ó derradeiro capítulo dun xogo sen suficientes unidades para rematalo. Pero, quen sabe? Quizais sexa a seguinte barreira psicolóxica que debo romper.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.