<<

Suikoden, capítulo 1

O xogo comeza dándome o control do protagonista, o fillo dun xeneral moi respectado no imperio. “Meu” pai marcha e eu teño que empeza-la miña carreira como peón no mesmo exército. Na primeira entrevista co emperador déronme a oportunidade de renegar do exército xa de entrada, pero seleccionar esa opción non tivo ningún efecto no xogo porque se tomou como unha broma. Mais as miñas intuicións pronto víronse confirmadas porque, tras facer algúns pequenos traballos para o imperio, comecei a observar algúns comportamentos raros e un descontento xeral da poboación co mesmo.

Todo disparouse cando decidiron coller pola forza ó meu amigo Ted (do cal pensei durante un bo rato que estaba namorado de min, agora xa teño as miñas dúbidas). Resulta que é un posuidor dunha runa moi poderosa, como se demostrou nunha loita desas que non se poden gañar e na que gastei moitos recursos para tentar superala. Un detalle que me gustou foi que ó pobre Ted o traizoou o noso compañeiro común Pahn (os tres eramos parte do grupo que fixo os traballos para o imperio), o que pon de manifesto xa no prólogo que neste xogo os personaxes son máis cunha morea de números que van detrás do protagonista e que se poden quitar ou engadir ó grupo a vontade.

Ted sálvanos a vida e, ó mesmo tempo, sentencia a súa.

Despois dese incidente, escapo da capital e acábome implicando co exército antiimperialista de liberación, ou un sucio fato de ladróns e terroristas, segundo a quen lle preguntes. Odessa, a lideressa, confía en min moi cedo e, por cuestións do destino (estará escrito nas estrelas), cando ela morre eu ascendo ó seu posto sen merecelo moito. Para poderlle plantar cara mellor ó imperio, axénciome un vello castelo no medio dun lago tras limpalo da maldición que tiña ó matar a un dragón zombi. O recentemente bautizado como “Insubmis Castle” (estou a xogar en inglés e non entraban máis de oito letras no nome) será a partir dese momento, a sede central do noso exército, que irá aumentando en número a medida que atope a máis xente descontenta co estado actual das políticas e corrupcións do imperio. Algúns únense ó avanza-la trama, outros ó atopalos polo mundo e outros parecen ter unhas razóns concretas que deben ser satisfeitas antes de podelos recrutar. Despois do empurrón actual de seis horas e media de xogo, teño localizadas a tres destes personaxes con condicións especiais:

  1. Unha rapaza en Kaku que quere ver ó seu tío bromista, que xa teño recrutado polo que non debería ser moi difícil.
  2. Unha muller na cidade de Kouan que agarda que eu sexa máis poderoso.
  3. Un elfo na aldea dos kobolds que non era nada amigo doutro elfo que levaba no grupo cando falei con el.

O castelo Insubmis non se merca, libérase e ocúpase!

Hai un total de 108 personaxes para incluír no exército de liberación, cada un representado por unha estrela. Quizais o das estrelas teña algo que ver coa novela chinesa na que está baseada o xogo, xa que por agora non atopei ningunha razón explicativa. Mais non tódalas incorporacións convértense en membros que se poden incluír no grupo de seis que sae de aventuras e participa nas loitas, inda que todos desempeñan algunha función nos outros sistemas do xogo (ou iso creo, como mínimo aportan números para as batallas a gran escala).

O grupo de aventureiros ambulante correspóndese co típico grupo dos xogos de rol deste estilo. Está composto por un total de seis membros como máximo en dúas filas de tres que é conveniente organizar dependendo do alcance dos seus ataques (curto, medio ou largo) e as gañas de protexer a algúns. Cada un ten unha arma propia que non se pode cambiar pero que si que se pode afiar para que faga máis dano, ou agregarlle algún tipo de dano elemental a través de fragmentos rúnicos. Por outra banda, cada personaxe tamén pode equiparse con outros cinco obxectos que normalmente aumentan a defensa: un na cabeza, outro como armadura, un escudo (se o personaxe pode levalo) e outros dou ocos xenéricos para luvas, botas, aneis, etc. Por último, tamén é posíbel equipar unha runa a cada membro, que se poden clasificar en tres grupos diferentes atendendo ó seu uso no combate:

  1. Runas pasivas: aportan algunha vantaxe constante nas loitas, como por exemplo un contraataque a maiores.
  2. Runas activas: engaden unha opción adicional de combate, como un ataque poderoso que desestabiliza ó atacante unha quenda, impedíndolle volver a atacar na seguinte.
  3. Runas máxicas: permiten ó lanzador ter uns feitizos ou outros dependo da runa. Cada personaxe ten un número de feitizos de cada nivel que pode lanzar; esgótanse moi cedo e recupéranse ó descansar, o que equilibra o gran poder que teñen.

Aié, aié, lume!

Inda que o grupo admite seis loitadores, o protagonista e algúns outros, dependendo da misión actual e dos requisitos que teña en cada momento, polo que actualmente tampouco teño moita opción para compoñer o grupo.

A parte de historia que avancei polo de pronto é bastante lineal, tanto antes como despois de fundar o castelo Insubmis. No comezo do xogo tiña medo de perderme algo no final dun dos primeiros alxubes, e volvín a percorrelo enteiro por pensar a primeira vez que se podía entrar nunha edificación, e a segunda porque pensei que uns bandidos ían volver alí e quería falar con eles para ver se tiñan interese en unirse ó meu grupo. Xa planeara volver unha cuarta vez tras apropiarme do castelo, pero os dous bandidos ós que pretendía apuntáronse unilateralmente ó meu exército ás primeiras de cambio.

Dende a fundación do castelo axudei a un grupo de kobolds a volver á súa aldea, intentei salvar a uns elfos que desgraciadamente morreron a mans do imperio probando unha nova arma incendiaria. Tras iso, o exército de liberación decide plantarlle cada ó imperio nun asalto frontal que emprega un novo sistema de xogo no que os heroes poden liderar cargas, maxias e arqueiros nun sistema de pedra, papel e tesoira. Na única batalla deste estilo que tiven non me decatei de moito, pero o manual físico axudoume a comprendelo.

  • Horas transcorridas: 6.5.