Final Fantasy I, capítulo 3
Rematei o anterior capítulo nunha cidade despois de saír correndo da cova de xeo. Durante as dúas primeiras horas desta sesión intentei volver á cova, pero non a din atopado; pasara xa case unha semana na vida real e tiña o recordo de que fuxira da pala e collera o barco para chegar á cidade, polo que non explorei os arrabaldes da mesma.
A maior parte desas dúas horas pasaron loitando contra inimigos de nivel moi baixo mentres exploraba o mundo, polo que a gran maioría da experiencia que obtiven para subir dous niveis os meus personaxes foi extraída dos poucos paseos por unha zona con niveis axeitados para o meu grupo. Nunha desas entrei na “Cidadela das Probas”, un lugar onde, tras sentarme nun trono, fun transportado á segunda planta do complexo. Esta era un labirinto dividido en salas con 1-3 teletransportadores que ben me enviaban á seguinte sala ou ben me devolvían a unha anterior. Non lle prestei moita atención polo que din máis voltas do que sería matematicamente necesario e, nun descoido, perdín a un dos meus personaxes nunha das moitas loitas ó chou que tiven.
A primeira proba era máis de memoria que outra cousa.
Como inda estaba na primeira proba da cidadela, tiña un personaxe morto e estaba canso do mapa actual, decidín apaga-lo xogo e continuar dende a partida gardada xusto fora da cidadela. Unha das regras impostas que sigo é non carga-las partidas gardadas se o podo evitar, pero non había escaleiras de volta polo que non puiden salva-lo enredo.
Na segunda oportunidade decidín non entrar na cidadela de novo e continuar na procura da desaparecida cova de xeo. Atopeina finalmente coma comentei antes e, non sei ben se foi pola experiencia extra que tiña ou porque non tiven que loitar outra vez contra catro magos escuros coma na quenda anterior, mais conseguín o tesouro agachado nela sen ter que volver a repoñer os recursos nunha vila. A estrutura da cova presentaba dúas características recoñecíbeis:
- Algunhas casas rómpense ó pisalas e lévante ó nivel inferior inmediatamente. A primeira vez colleume por sorpresa xa que non identificara o diferente debuxo da baldosa, pero logo ficou claro xa que se identificaba facilmente.
- Inda que a cova só tiña entrada, hai dúas escaleiras no primeiro nivel que levan exactamente á mesma saída. Foi moi confuso e estiven uns intres perdido até que me decatei do que pasara.
- Tiña unha zona con casas cheas de espiñas de xeo funcionando de maneira semellante á lava do volcán.
Non se poderán poñer portas ó campo, pero hainas sempre nas covas.
En xeral, o alxube non era moi grande e o camiño até o tesouro só tiña o truco de botarse por un oco para finalmente chegar á “pedra de levitación”, o obxecto que viñemos a buscar (inda que poida que non o supera até que din con el!). Non lembro a ningún xefe final, algúns dos tesouros habituais están protexidos por certos monstros especiais pero soen ser un desafío menor comparándoos co liche ou con Marilith.
Mentres procuraba que facer cosa nova pedra, cheguei de novo á “Cidadela das Probas” e decidín darlle outro tento. Desta vez presteille máis atención ó camiño que percorrín polos transportadores e conseguín pasa-lo labirinto sen ningún drama, a verdade é que na anterior viaxe estiven moi preto de superalo. O segundo piso non foi máis que unha serie de andadeiros con algúns tesouros espallados que tiñan, no final, unha “cola de rata e un “volva de novo ó comezo sen cobra-los 20.000”. Como o nome era a “Cidadela das Probas” decidín curar a todo o grupo e volver a comezar agardando un novo desafío. Pero non. Todo ficou tal cal o deixei.
Algo semellante a isto, pero con menos píxels.
Recorrín case todo o mundo coñecido, dun ó outro confín cos seus aburridos encontros ó chou, até que finalmente atopei unha pista sobre a levitación: un par de visionarios na aldea elfa, nada útiles no pasado, trocaron as súas liñas de texto para falar dun deserto no que hai que emprega-la pedra da levitación para sacar á luz algo que leva alí afundido moitos anos. Milagrosamente apañeime para atopa-lo lugar sinalado á primeira e pouco despois xa tiña a miña nave voadora.
Este barco si que vai a todo filispín polo ar! E como valor engadido, non hai loitas alá arriba, polo que puiden percorrer todo o planeta en cuestión de segundos e aterrar onde queira. Máis ou menos, xa que o barco só pode aterrar en terreo chá e moitas das novas localizacións accesíbeis obrigan a descender algo lonxe dos enclaves de interese.
O primeiro que fixen foi saquea-los buratos dos dragóns. Hai todo un arquipélago cheo de tobos nos que viven uns dragóns moi amistosos, dominados polo seu emperador Bahamut. Cando este descubriu de que eramos os dignos posuidores da “cola de rata” concedeunos un merecido ascenso! O guerreiro converteuse en cabaleiro, o monxe pasa a ser un mestre (das artes marciais, supoño) e a maga negra e o mago vermello convértense en… maga negra e mago vermello! Estou a xogar coa versión en inglés e non se me ocorre algunha boa tradución para pasar de mage (que eu traducira coma mago até o de agora) a wizard (que tamén traduciría coma mago); coma sempre, acéptanse propostas. De calquera maneira, os feiticeiros agora poden aprender feitizos máis poderosos, o cabaleiro gaña a capacidade de tamén lanzar algúns e, en xeral, coido que melloran todos as súas estatísticas de combate. Tamén trocan os debuxos que representan ós personaxes.
Ou de aforrar cartos ó contratar a pousada.
Dende o barco voador albisco tres novas cidades: unha cunha fada que desapareceu, outra cun submarino e outra na que a xente fala de maneira incomprensíbel. O rastro da fada foi sinxelo de seguir: alguén a roubou para despois a vendeu; o novo propietario é un comerciante que acepta os meus cartos sen preguntas a cambio do probe ser vivo. Contenta de estar de volta na súa fochanca, regaloume un… couso para respirar debaixo da auga, xusto o que necesitaba para emprega-lo submarino da outra cidade!
O vehículo levoume directamente á terceira planta do templo da auga. Subín até o quinto piso asasinando moitos monstros mariños e algúns outros seres oceánicos que seguramente non tiñan culpa ningunha. Neste último piso viven unhas sereas con moitos tesouros que non dubidei en engadir ás miñas carcas, sendo unha pedra Rosetta o máis importante. Non sei se tamén hai unha historia detrás dese nome ou, o máis probábel, chámese coma a coñecida estela do noso mundo por simple comodidade; a primeira opción podería significar que hai algún tipo de vínculo entre o mundo real e o ficticio. Independentemente de todo iso, as sereas falan do monstro na planta máis baixa que está ocupado actualmente en empregar o poder do cristal de auga para un mal fin que podería causar uns cambios fatais. Que si, que xa vou, pero inda non sei se dende a entrada ó templo da terceira planta pódese baixar á máis baixa porque non a explorei de todo. Mais antes tentarei resolver o tocante á pedra dos idiomas.
Non é directo comprender como pode estar no océano, só accesíbel mediante submarino e que teña unha parte non afundida.
Xa tiña na mente onde estaba o doutor que estaba a procurar a pedra, así que leveina até el. Debía vir todo tan ben explicado na mesma que, tras el lela un momento, xa controlaba o suficiente da antiga lingua como para ensinarma nese mesmo intre. Con ese novo coñecemento fun de novo á cidade onde falaban raro e me fixen entender. Déronme unha campá para acceder á “torre miraxe” e algo máis de información sobre o que vai vir. Todo apunta a que o alxube final será fortaleza voadora de Tiamat. Que pasa cos xogos xaponeses e as fortalezas voadoras? Non sei, nin investiguei, se esta é a aparición máis antiga da estrutura voadora ou vén dun folclore común, pero podo recordar outros dous xogos que teñen algo moi similar. E iso sen contar o Suikoden, do que xa falei por aquí, que ten unha fortaleza boiante.
- Pasos dados: 75.000.
- Nivel dos personaxes: 28 (mago vermello), 29 (resto).
- Horas transcorridas: 18.
- Partidas cargadas: 1.