<<

Ultima IV: A procura do avatar

A miúdo tento atopar algunha obra que sexa máis elevada que calquera outra, que amose algo que vaia máis aló da propia obra. Non teño unha definición particular para ese “algo”, nin sequera algunha característica que ten que cumprir, pero ás veces acho anacos que me dan algo de esperanza. Normalmente son libros, inda que tamén poden ser outras formas de cultura coma cancións ou capítulos de series de televisión, pero até o de agora nin se me ocorreu que un videoxogo poda ter un pouco dese “algo” que non sei nin quero describir. Coido que o Ultima IV pode ser capaz de suscitar en min parte deses sentimentos; inda que non teño moi claro ni o como nin o porqué, mais bástame que as súas pretensións sexan tan altas.

O do “conflicto final” xa me deu máis ganas de comezar!

A miña experiencia anterior coa saga redúcese a percorrer uns tres cuartos do primeiro xogo hai máis de quince anos, pero si que collín algunha información sobre esta cuarta entrega dende entón a través de referencias varias. Entre iso e que lle botei un ollo ao manual, creo que podo enunciar as seguintes afirmacións sobre o xogo, xa veremos cantas resultan ser falsas:

  • Cada clase do xogo está representada na cadansúa vila, onde se pode recrutar un aliado desa clase.
  • Cada clase e cada vila simboliza unha das oito virtudes do xogo.
  • Hai que exemplificar todas as virtudes para superar o xogo. Logo de facelo, hai que exemplificalas fóra do mesmo para superar a vida; esta é a moral do xogo.
  • Algúns quebracabezas poden ser algo obtusos. Pode que o derradeiro teña algo que ver cunha campá e unhas candeas.
  • Hai pistas importantes no manual. Tamén hai outra falada por un cabalo que se pode perder dependo da liña de diálogo seguida.
  • Non deixa de ser un xogo de 1985, agardo algún bug, e algo de tedio tamén.
  • Hai que tomar notas de case todo para non se perder.
  • Lord British, o soberano do mundo virtual, é inmortal e representa ao creador do xogo.
  • O avatar que manexarei é o avatar da miña persoa.
  • Non matar seres non malignos é importante.
  • A clase inicial é asignada ao responder algunhas preguntas hipotéticas.
  • Inflúe tanto a hora do día coma a fase da lúa para certos eventos.

Ao final non resultaron tantas como pensaba. Tiña medo de xa saber algún detalle máis importante da trama, pero semella que non é o caso. Comezarei a contar sobre a procura a semana que ven!