<<

Ultima IV: os perigos das silveiras

O primeiro que pregunta o xogo nada máis arrancar é o nome e o xénero (binario), desta vez escollín home para o personaxe principal. A historia comeza co protagonista descansando nun prado da súa axitada vida nun mundo tecnolóxico. De súpeto, un portal azul emerxe do chan e desaparece de novo, deixando un amuleto con formar de ankh e un libro de coiro que fala doutro mundo necesitado de axuda. O libro representa o manual do xogo, e incluso aparece unha liña na pantalla dicindo que temos que lle botar un ollo ao igual que está a facer o noso personaxe. A continuación este móvese a unha feira renacentista onde unha muller bótalle as cartas e, por vez primeira, tomamos control activo do personaxe.

Agardo que no final do xogo non esperte o protagonista dun soño inducido polo incenso.

A xitana vai sacando as cartas a pares, cada unha representando unha das virtudes do xogo, e fainos escoller unha baseándonos nun escenario hipotético. Coas catro gañadoras da primeira rolda fanse unhas semifinais e logo unha final para decidir finalmente a clase que nos representará no mundo de Ultima. Contestei honestamente e tocoume exemplificar o valor, encarnado nun guerreiro! Fundo a negro e ábrese a cortina. Xa estamos dentro de Ultima!

Esta Ultima (hehe) decisión foi sinxela.

Aparecín nos arrabaldes da cidade de Jhelom, habitada na súa maioría por guerreiros. Alí coñecín a algunha xente que andan na procura dunha pedra vermella, xa que o vermello simboliza o valor. Dita pedra atópase agochada no alxube chamado Destard, nun altar. Tamén recoméndanme loitar con valor, non matando a criaturas non malas e deixando fuxir ó resto, pero sempre dando a cara e nunca escapando eu mesmo. A través dalgúns peregrinos na cidade, tamén aprendín da existencia de outras cidades coma Yew (son moi xustos alí) e Skara Brae (moi espirituais).

Xa levara susto até eu!

Saín da cidade con intención de atopar o alxube da pedra vermella, pero no terceiro ou cuarto paso non sei moi ben o que pasou pero enveleneime. Corrín de volta cara a cidade onde paguei 100 pezas de ouro para curarme; tendo en conta que comecei con 200 e xa gasta unhas poucas para tomar algo pois foi un pronto e duro revés para a miña economía.

Volvín a saír da cidade e volvín a caer envelenado, inda que desta vez decateime de que pisara unhas silvas, seguramente o mesmo que fai uns minutos. Sen cartos para pagar a cura non tiven máis opción que deambular polo mapa tentando aprender algo de cara o futuro mentres os meus puntos de vida non paraban de baixar tras cada paso. Cando chegaron a cero, apareceron moi lentamente unhas mensaxes na pantalla nos que se contaba que inda non era a miña hora e que volvese.

Con todo o que durou a escena, só saquei tempo para esta captura.

A cor da pantalla volveu e atopoume diante de Lord British, quen me restaurou a comida, os cartos e os puntos de vida para un novo intento; non levaba nada máis enriba polo que non sei cales son os puntos negativos deste tipo de resurrección. Aproveitei o encontro para preguntarlle pola misión, que culminará, segundo o rexente, cando conquiste o Abismo Estixio e vexa o códice. Explorei todo o castelo de Lord British falando cos personaxes que por aí atopei. Logo, decidín saír a ver se atopaba a cidade onde comecei o xogo para continuar na procura da pedra vermella. Pero como xa me liei moito con este preámbulo ás verdadeiras aventuras, vou frear aquí hoxe, deixando unhas espectaculares estatísticas desta sesión:

  • Loitas: 0.
  • Mortes: 1.
  • Nivel: 3 (comézase no 3).
  • Minutos transcorridos: 15.