<<

Ultima IV: unha runa, por compaixón

Comecei este capítulo recentemente chegado ao mapa xeral após saír do castelo de Lord British. Tiña intención de chegar de novo a cidade dos guerreiros para seguir coa procura da pedra vermella, mais sen ter idea de onde podería estar sita. Recordei que xunto ao manual do xogo tamén viña un mapa do mundo. Non tardei en atopar a posición do castelo, pero do meu destino non encontrei ren; tampouco axudou no máis mínimo que todas as lendas aparecesen nun alfabeto rúnico que hai que cruzar con outra folla que contén a equivalencia co alfabeto inglés.

Lord British recorda amabelmente o obxectivo do xogo.

Decidín entón camiñar ao chou a ver que me atopaba, sen facerlle ningún caso á recomendación de Lord British de non me afastar dos arrabaldes das cidades. Tiven pelexas máis e menos preto do castelo e todas foro moi sinxelas. Un combate comeza cando coincidimos na mesma casa cun inimigo, nese momento o mapa troca a outro local onde ten lugar a loita. Alí podemos actuar unha vez con cada un dos membros do grupo (polo de agora estou só) e despois fan o mesmo os rivais. Fuxir é posíbel saíndo por un dos extremos, pero é unha actitude nada valorosa que hai que evitar. Pola súa banda, deixar fuxir ós inimigos cando así o desexan non é trivial tampouco, xa que non dubidarán en golpear ao sentirse ameazados ou sen saída. En xeral, o combate táctico é moi divertido agás polo tedio de deixar fuxir aos que queren pero non saben. Ten pinta de mellorar moito unha vez que teña máis personaxes no grupo e tamén vexa a maxia en funcionamento; polo de agora só sei que para lanzar feitizos hai que mesturar certos materiais consumíbeis de maneira determinada.

O meu primeiro combate, contra dous orcos.

Após cada combate superado aparece un cofre con algún tesouro, pero pode ser que ao abrilo salte unha trampa. Non perdera moitos puntos de vida nas loitas desta primeira exploración real, pero un dos cofres envelenoume e non fun capaz de curarme a tempo. Inexorabelmente, perdín tódolos puntos de vida e volvín a aparecer fronte a Lord British no se castelo: fiquei sen todo o ouro que levaba pero conservei os puntos de experiencia obtidos nas pelexas. Ao igual non foi tan boa idea o de explorar ao chou.

Levaba unha boa morea de cartos enriba para ser tan cedo.

Para o segundo paseo dende o castelo decidín visitar a cidade de Britania, xusto ao oeste do mesmo. Resultou ser a cidade dos bardos e semella estar relacionada coa compaixón. Alí atopei a runa desta virtude agochada nun muro, a localización do templo adicado a ela e o seu mantra “MU”; todo iso a raíz de darlle unha moeda a un mendicante, agardo que o xogo non se decate nunca de que só o fixen porque intuía que podería haber unha recompensa a cambio, xa que aí perdería o don da compaixón. Por outra banda, literalmente, díxenlle a un músico nomeado Iolo que me gustaba a música e uniuse ao meu grupo co seu tiracroios.

Tan agochada non se atopaba, non deben ser moi amigos da limpeza por acó.

Inda que o templo da compaixón estaba máis ou menos preto de meu punto de partida, o viaxe até alí foi accidentado. Nada máis saír da cidade atopei un portal azul que atravesei para aparecer nun punto ao chou do mundo. Apañeime para roubar (non hai outro verbo mellor aplicado) un barco a uns piratas despois de moito vagar por terra e chegar de novo ao castelo de Lord British. O rexente curoume as feridas e tamén ascendeume ao cuarto nivel; Iolo segue no terceiro inicial en boa parte porque só o que da o golpe letal obtén a experiencia do inimigo, non é suficiente con golpear e, moito menos, con deixar fuxir os inimigos.

Vento do norte batendo na arca da fragata.

Nun novo intento atopei o templo da compaixón sen problema e meditei alí durante tres ciclos (nin idea o que significa iso) repetindo o mantra “MU”. Ao facelo tiven unha visión na que “o terceiro é acender a vela do amor na entrada ao Gran Abismo Estixio”. Semella que xa estou un pasiño máis preto do final do xogo!

Vou deixar constancia do orixinal por se a miña traducción é errada.

  • Horas transcorridas: 1.5.
  • Mortes: 2.
  • Niveis: 4 (Xogon), 3 (Iolo).
  • Pasos: 3900.
  • Runas obtidas: compaixón.