<<

Ultima IV: Silva 2 – 0 Xogón

Coa runa da compaixón no peto, vagueei un pouco cara o norte até que atopei unha vila ao lonxe. Ese foi exactamente o momento no que me deixei ir e pisei unhas silveiras, lembrando de maneira directa os meus primeiros pasos no mundo de Ultima. Non contento con envelenar ao personaxe principal, proseguín por riba doutras silvas para tamén enfermar a Iolo. Cheguei xusto a tempo para ver a abadía por dentro, pois iso era o que me semellaba unha vila, e a percorrer un pouco das súas rúas até decatarme de que non tiña un curandeiro! A morte non tardou en chegar.

Non se aprecia na imaxe, pero o efecto de curación ben acompañado dun asubío nada agradábel.

Hai un lixeiro problema cos controis para os que nos gusta xogar a fume de carozo. Semella que, tras pulsar unha tecla, o xogo procésaa e debuxa os cambios no mundo. Durante esta parte de pintado, as teclas premidas entran na cola para ser procesadas, polo que se apertamos moitas veces seguidas a tecla da esquerda, o boneco comezará a moverse cara o este tantas casas coma pulsacións fixeramos. Se, por poñer un exemplo calquera, atopamos unhas silvas na ruta e queremos esquivalas indo cara o norte, premer a tecla correspondente só fará que, ao final de todo o movemento encolado cara o oeste, o personaxe se desprace unha casa cara arriba.

Fora de escusas, volvín a facer todo o camiño dende o castelo de Lord British até a abadía. Coido que alí falei con todos os que puiden pero non achei moito máis que o feito de que a abadía ten algo que ver co amor e/ou a empatía. É probábel que teña que volver nun futuro porque tamén había unha área á que non lle atopei un acceso; quizais nesa parte tamén se atope a enfermaría que tanta falla me fixera na viaxe anterior.

Non te preocupes que xa te cansarás de nós.

Sen saber moi ben onde ir, pedinlle audiencia a Lord British, aproveitando que ten que o bo costume de curarme as feridas gratis. A continuación deixei a fiestra do xogo a un lado e abrín o mapa con escritura rúnica. Non me molestei en transcribir as lendas pero localicei a miña posición actual e o que parece ser unha cidade ao noroeste. Fun seguindo o mapa pouco a pouco fiándome das referencias naturais que máis ou menos se correspondían co mapa. Tardei catro viaxes en chegar até a cidade porque os meus personaxes foron envelenados varias veces ao abrir cofres con trampas. Ben é certo que agora mesmo non teño ningunha necesidade de apañar con todas as moedas que atope, mais dáme mágoa deixar os cofres por aí perdidos.

Cando cheguei á cidade sentinme rodeado de caldeireiros, pois tal é a clase máis afincada en Minoc. A cidade representa o sacrificio, e non tardei en aprender algunhas cousas sobre esta virtude, ademais dunha canción cantada por unha tal Singsong que fala dun corvo que di “CAH”. O quebracabezas aquí para conseguir a runa do sacrificio e preguntarlle aos poboadores ate aprender que se atopa na forxa! Hai que entrar no lume recibindo moito dano a cada paso até podela ter na nosa man e saír de aí. Todo un sacrificio, realmente!

A culpa é miña, por preguntar.

Antes de poñerme en camiño cara o templo para meditar sobre o sacrificio, paseime polo fogar dos pobres para ver se podía botar unha man con algo. Julia ficou abraiada co meu comportamento e decidiu unirse ao meo grupo, con esta caldeireira xa somos tres! Un dos seus compañeiros tamén me comentou unha información valiosa: “o runa do sacrificio é laranxa e se emprega nas salas dos altares de amor e coraxe”.

Os personaxes dormen con todo, inclusive fora das camas.

Do templo sabía que estaba nun lago máis o leste, polo que a súa localización foi moi sinxela de precisar xa que só aparecía unha masa de auga interior no mapa. Ao chegar meditei sobre o sacrificio co mantra dos corvos sen moito convencemento, pero funcionou e fun agasallado coa visión correspondente: “dar o sangue da túa vida para que outros podan vivir é unha virtude de grandes louvanzas”.

Mensaxe patrocinada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas.

  • Horas transcorridas: 3.5.
  • Mortes: 3.
  • Niveis: 4 (Xogon, Iolo), 2 (Julia).
  • Pasos: 12500.
  • Runas obtidas: compaixón, sacrificio.