<<

Ultima IV: batalla ciclópea

No mapa que vén co xogo tamén pódense ver uns círculos negros, outros brancos e outros metade-e-metade; inda non se me deu por visitar eses lugares pero ten pinta de que se corresponderán coas fases da lúa! Ou das lúas, mellor dito, xa que sempre aparecen a pares, tanto no mapa coma na parte superior da interface da fiestra do xogo.

Este combate semella complicado, continúa nas seguintes imaxes!

Non obstante, pasei de asomarme por eses lares porque decidín camiñar un pouco ao chou para ver se descubría algo interesante. Desgraciadamente, nun deses paseos quedou eliminado Iolo. Volvín xunto Lord British pero non o reviviu! Xusto acabara de gastar moitos cartos en actualizar as armaduras do grupo, folo que fiquei sen un can para pagar a tarifa da enfermaría, polo que me tocou procurar loitas nos arrabaldes do castelo para sacar uns pesos. Coido que o código moral do xogo é moi sinxelo con algúns contadores positivos e negativos para cadansúa virtude, porque noutro caso isto non está a ser unha actitude digna de louvanza.

Xogon decide botarse unha sesta no medio do combate!

Antes de chegar a Minoc no capítulo anterior, dixérame unha adiviña que a miña compaixón deixaba moito que desexar, e iso que xa teño a runa e meditei no templo correspondente. Non sei se ten que ver moito con non deixar que algunhas criaturas fuxisen da batalla: tiña aprendido que non é preciso deixar fuxir ás criaturas malignas, mais… que son realmente criaturas malignas? Esqueletos e demos supoño que si, pero orcos? Trolls? Outros monstros como contempladores? Ultimamente estou tirando pola opción máis segura e deixo fuxir a todos, pero iso fai que non gañe moitos puntos de experiencia e, como me pasou na última pelexa desta entrada, tamén ten certo perigo.

Aquí non as tiña todas comigo.

Xa tiña cartos suficientes para resucitar a Iolo na cidade de Britania, que se atopaba a cinco casas da miña posición actual, cando decidín facer unha ultima loita contra uns ciclopes; Julia non tiña moitos puntos de vida, pero malo será. Malo foi. Eran moitísimos ciclopes para o que eu estaba acostumado e tiñan a un contemplador como aliado, a primeira vez que atopaba un neste xogo. Inda que sufrín moito, conseguín deixar o campo baleiro agás polo meu avatar, un ciclope que xa estaba fuxindo e Julia, que ficaba durmindo no chan despois de ser atacada por un raio de sono do contemplador. Estaba cantando a vitoria e planeando a visita á enfermaría cando o ciclope, na súa derradeira acción antes de saír da loita, lanzoulle un pedrolo a Julia, causándolle a morte.

Aquí xa non tiña ningunha comigo.

Por sorte, a estas alturas tiña cartos abondo para pagar as dúas resurreccións cun par de pelexas máis e mercar un pouco de comida. Para rematar, pasei xunto a Lord British para curar a todos (a resurrección deixa o personaxe con 0 puntos de vida e hai que pagar a cura por separado na enfermaría), subir de nivel e para que me contase que debía ir aos alxubes para coller as oito pedras que necesitarei para o abismo. Supoño que continuarei por aí na próxima quenda.

Vou tardar máis tempo en recopilar todas as notas que teño que en seguir co xogo.

  • Horas transcorridas: 4.5.
  • Mortes: 3.
  • Niveis: 5 (Xogon), 4 (Iolo), 2 (Julia).
  • Pasos: 14000.
  • Runas obtidas: compaixón, sacrificio.