<<

Ultima IV: quen teña honra, que reparta!

Desta vez decidín centrarme máis nos obxectivos de cada cidade en lugar de vagar polo mapa sen moito senso. Por iso, o primeiro que fixen foi botarlle un ollo ao mapa a tentar ser un pouco máis exhaustivo na exploración do mundo. Adianto que non o conseguín.

A primeira parada foi na pequena vila de Pawn ao sur da capital (asumirei que a capital é onde está situado Lord British). Alí atopei a runa de humildade! Para chegar até ela tiven que ascender e percorrer un pequeno outeiro. Non parecía moi complicado pero levoume (ao eu-avatar) moito tempo polo dificultoso do itinerario: unha experiencia de humildade onde as haxa! Non importa cantos orcos aniquilase, nunca se é o suficientemente poderoso para ser capaz de enfrontarse á natureza sen provisión nin axuda. A non ser que contemos con maxia, claro, porque por estes lares tamén me recomendaron que lle preguntase a un tal Mentorium en “Lock Lake” sobre o feitizo de porta/gate.

Deume por retransmitir a aventura en directo a través de Twitch.

A seguinte parada foi na cidade dos paladíns, Trinsic, representado a virtude da honra. Alí había un neno moi asustado por culpa dun touro, así que intentei espantalo por medio dun combate. Craso erro porque fixo que todos os gardas da cidade se botasen sobre min coma se fose un manifestante perdido; eu fuxín dos combates contra eles nas primeiras quendas de cada pelexa, polo que supoño que o meu contador de honra quedaría polo chan. Apañeime para saír e volver a entrar na vila e todo estaba en calma de novo, até o touro amedrentando ao pobre raparigo. A runa da honra estaba nunha esquina protexida por un muro máxico de veleno, e o mantra para o templo asociado, pero non teño ningunha idea da localización do mesmo. Tamén teño anotado que a pedra púrpura da honra é necesaria para os altares do coraxe e da verdade. Todas as pedras teñen un cor asignado e parece que son chaves para algunhas salas do altas nos alxubes, dos que inda non atopei ningún.

Non creo que vaian sacarme pola porta grande en grao sumo pola tourada.

Por outro lado, sei dun corno prateado necesario para superar o demo que protexe o templo do banco norte da illa do Abismo. Dito corno atópase na actualidade na illa que hai na punta oeste da Fraga Espírito (Spiritwood, que o atopei no mapa con lendas rúnicas pola lonxitude da palabra e as dúas os ao final da mesma). Outro obxecto que tamén é preciso colectar para entrar na cámara do cáliz no Abismo é a candea do amor, sobre a que lle teño que preguntar a un bardo máis aló da pasaxe secreta da Abadía do Amor. Hai, por último, un terceiro obxecto para entrar no abismo do que inda non sei nada, pero creo recordar que nesta saga hai unha campá que podería cumprir ese rol.

Falando casualmente cun demo sobre a súa caída.

Comentara na entrada anterior a revelación que tiven ao decatarme que uns símbolos no mapa encaixaban coas fases da lúa, polo que decidín comprobar esta teoría. No lugar designado aparece una porta brillante azul dende o chan que me levou até unha illa remota onde puiden visitar a cidade pantasma de Magincia. Esta é unha cidade agora invadida polos demos, esqueletos e espíritos dos seus antigos poboadores, após que perderan a runa da humildade e caeran presos do orgullo (ou quizais foi na orde inversa, non me ficou claro). Alí aprendín algunhas cousas que me poderían ser útiles no resto do xogo, mais volvín a caer envelenado xa que había algúns lugares da cidade polos que tiña que pasar e que causaban esa doenza. Sen poder explorar todo coa calma necesaria, espertei de novo diante do meu colega Lord British que me volveu a pedir que fose con máis coidado. Poñamos rumbo cara o bosque do norte!

  • Horas transcorridas: 6.
  • Mortes: 4.
  • Niveis: 5 (Xogon), 4 (Iolo), 3 (Julia).
  • Pasos: 19000.
  • Runas obtidas: compaixón, sacrificio, honra, humildade.