Ultima IV: por un cravo, pérdese un cabalo
A seguinte viaxe foi cara o norte, a unha cidade agochada nun bosque moi denso que, por sorte, pódese atopar camiñando en liña recta dende un paso montañoso ao oeste de Britannia. A verdade é que coller referencias xeográficas desta maneira por un mesmo, por sinxelas que sexas, é algo moi inmersivo. Yew, pois así e coñecida esta cidade, é o fogar dos druídas e da xustiza, unha virtude derivada do amor e da verdade. A runa asociada apareceu no presidio no que entrei voluntariamente para meditar se eu estaba totalmente libre de culpa; tamén aproveitei para repartir algo do meu ouro cos compañeiros de cela, agardo que teñan oportunidade de empregalo ben e poidan cambiar a aires máis frescos.
Non puiden facer moito polos colegas que impetran a súa liberación.
O que foi unha boa épica, mais non por ser obxectivamente complicada, foi tratar de aprender cal era o mantra asociado ca xustiza. Non tardei moito en saber que a chave estaba nas cantigas dos druídas pero, inda que falei cun pequeno grupo deles cantareiros, non saquei ren en limpo sobre iso. Polo menos conseguín unha compañeira nova para o meu grupo, Janna, e unha conversa cun lume faladoiro, máis interesante no plano metafísico ca no lúdico. Non foi até outro momento, xa co xogo pechado, cando me decatei de que o “beh… beh…” que dicían os druídas non era unha onomatopea de ningún tipo nin que pasasen de min…
Tanto Jaana coma eu somos ben silandeiros.
Tan panoco me sentín após iso que, tan pronto como puiden, lisquei correndo cara o templo para meditar sobre a xustiza… e equivoqueime co mantra poñendo “BAH” na vez de “BEH”. O castigo non foi máis que ter que agardar un tempo, por foi abondo para atoparme co meu inimigo némese: os silveiros velenosos. O tempo que me levou volver á capital para curarme e de novo ao templo chegou para poder meditar de novo co mantra axeitado. A visión resultante non foi ningunha revelación: evitar matar aos seres non malignos.
Respecto a isto último, xa tivera un gran cambio de enfoque nas loitas contra todos os seres que non semellan humanos nin animais: basicamente aniquíloos por máis que eles queiran fuxir. Vixiarei que isto non teña efectos negativos no meu karma ao tempo que aproveito todos os puntos de experiencia que até fai pouco deixaba marchar. Tamén recordei a estas alturas que é posíbel acampar nas aforas para recuperar puntos de vida; é unha mágoa que non o lembrase todas esas veces que o necesitei, algunha das cales remataron na morte de polo menos un membro do grupo, inda que non é un remedio para o veleno.
Vou deixar por aquí escrito que o seu creador díxome que o feitizo de velocidade só precisa o musgo sanguento. Inda non lancei ningunha maxia, pero coido que xa coñezo o sistema, máis que nada polo libro especializado que viña co xogo. Cada feitizo ten a cadansúa páxina nese documento, incluíndo unha descrición e os ingredientes necesarios nun texto moi narrativo que non ten que ser totalmente certo: por exemplo, o feitizo de velocidade que segundo o seu creador dentro do xogo só precisa musgo sanguento, aparece en dito libro mencionado un total de tres ingredientes. Tereino en conta para cando comece con todo este sistema que estou deixando de lado.
Hai moitos obxectos, que semellan inanimados pero falan se lles preguntas.
Para rematar direi que estiven procurando ouro para mercar un cabalo por 400 pezas. Cando por fin o conseguín, leveino de viaxe até o castelo central, aparcándoo para subir ao primeiro piso. Cando volvín xa non estaba alí! Non sei se foi un guindastre, un malandrín ou que a propia besta estaba moi ben amestrada para volver co seu amo, xa que sospeitosamente volver a haber outro en venta na corte orixinal (na do cabalo, non na de Lord British). Recordei máis tarde que tamén sabía que hai un cabalo no xogo que da unha pista moi importante e que non hai unha segunda oportunidade se se perde. Andarei máis atento a próxima vez que atope outro ou volva a gastar as 400 pezas de ouro.
- Horas transcorridas: 8.5.
- Mortes: 4.
- Niveis: 6 (Xogon), 5 (Iolo), 4 (Julia), 3 (Jaana).
- Pasos: 27000.
- Runas obtidas: compaixón, sacrificio, honra, humildade, xustiza.