Monster Hunter Freedom Unite: Kandra entra en escena
Ola! Dubídoo, pero se hai algún de vós por aí que estaba agardando a continuación das miñas aventuras no mundo do *Ultima IV*… pois teño malas noticias! Após perder as miñas notas sobre o mesmo, máis aló do escrito neste blogue, dáme algo de preguiza continuar. Xa veremos máis adiante pero, polo de pronto, non ten moita pinta de que o continúe nos próximos meses.
Acordeime outra vez da PSP e fixen unha boa investigación para decidir a que xogos xogar nela. Barallei moitas opcións, tanto do catálogo propio coma dos dos que se poden emular, pero sempre tiña o Monster Hunter na mente. Segundo os arquivos gardados na consola, adicáralle xa dúas horas no 2010, razón pola cal pensaba que non sería o meu xogo. O recordo de buscas dunha hora de duración, unha complexidade tanto dos controis coma dos sistemas de obxectos, monstros e algúns outros que nin coñezo, sumábanse aos centos de horas necesarias para completar o xogo (sen ter en conta o compoñente multixogador) para ter tódalas opcións de ser abandonado outra vez moi cedo. Pese a todo, instaleino de novo e, polo de pronto, foi todo un acerto.
O xogo comeza deixándonos escoller as características físicas e vocais do personaxe que encarnaremos. Xogona escolleu por min todos eses datos, polo que levarei a unha muller negra de pelo curto e claro chamada Kandra. A escena inicial amósaa sendo derrubada por un dragón xigante, e logo é transportada a unha aldea onde se procurará unha vida baseada na exploración e na caza de monstros. Porque basicamente o xogo resúmese en percorrer o mundo tras certos animais e asasinalos por encargo ou por beneficio propio. Normalmente son loitas largas nas que hai que evitar os envites do monstro e golpealo até darlle morte. Dóeme dicilo pero semella un simulador de touradas. Ningún animal foi ferido para a elaboración deste artigo.
Isto foi pouco antes de cambiar o idioma ao inglés.
Unha vez que obtiven o control de Kandra, decidín seguir un acertado consello dun traballador de Capcom nun artigo de The Guardian para promocionar o xogo: esquecerse dos titoriais iniciais, escoller unha arma e comezar directamente polas misións principais; ao resto dos consellos non lle fixen caso, máis que nada porque non comprendía índa do que falaban. Eu escollín o martelo, e fun completando as tarefas máis sinxelas á vez que aprendía un pouco sobre as facetas do xogo. Para isto foi de certa axuda o compendio de revistas que hai na casa do protagonista, xa que explican algunhas das mecánicas do xogo e tamén dan algunhas pistas e consellos para suavizar a curva de aprendizaxe sen ter que recorrer a guías externas. Inda así, atopeime varias veces facendo unhas procuras moi específicas en internet para comprender certos asuntos que non ficaban nada claros dentro do xogo.
Nas capturas desluce un pouco, pero esta primeira escena é abraiante na PSP.
E iso é todo polo de agora. Namentres que moita xente está liada co Monster Hunter World, e pode que precisamente por iso, eu lieime coa súa precuela portátil. De seguro que non completarei todo o que o xogo ofrece, pero é o que me apetece neste momento. Xa vos irei contando as miñas aventuras mentres dure!