<<

BattleLore (Segunda Edición): crónica da primeira batalla

Fai pouco quedei co meu colega máis xogón de xogos de taboleiro para estrear o seu BattleLore (Segunda Edición). Era a primeira de ambos co sistema Command and Colors de Richard Borg, polo que repartimos as faccións sen pensar moito: eu levaría ós malos e el ós bos. Non teño nin idea do universo de Terrinoth, así que non sei se esa división e moi apropiada, pero os meus Uthuk teñen unha pinta demoníaca que non poden con ela mentres que os Daqan semellan ter algo de auréola divina. Mais tampouco en demasía.

Os vermellos sempre molan máis.

Nós montamos as hostes o primeiriño, escollendo un par dos prefabricados para ir un pouco sobre seguro; após cada un apañou tres cartas ao chou de escenario do seu bando e seleccionamos a que cada un considerou máis apropiada. Tan pronto o tiñamos feito, apampamos porque as regras poñían de facelo ó revés! De seguro non houbese cambiado moito as nosas eleccións de xogadores noveis, pero este troco do fluxo máis habitual nos xogos do estilo deume unha boa sensación xa que me gusta a idea de conformar o exército sabendo ó que me vou a atopar. Por exemplo, na maioría das partidas que xoguei a Warhammer: Diskwars sempre tiven coidado de montar os pelotóns de maneira que teña algunha oportunidade de gañar a partida se me toca o obxectivo de chegar coas unidades aliadas á outra punta do mapa.

O escenario de cada un define a metade “local” do campo de loita e algunhas regras especiais que se aplicarán a esa partida. No caso desta partida eu tiña unha vantaxe nos bosques e a posibilidade de obter puntos extras en cada quenda se controlaba varios ó mesmo tempo. Pola súa banda, o meu rival puxo no terreo varios outeiros e conseguía un punto adicional se tiña a maioría de tropas na zona central do xogo. Tamén comezou con dúas bandeiras no seu terreo máis próximo, que lle outorgaban outros tantos puntos de vitoria cada quenda; namentres, eu só tiña un. O sistema tamén compensou dalgunha maneira este feito deixándome a primeira quenda da partida, o que pode ser unha vantaxe notábel. Mais nos primeiros compases da batalla el sumaba puntos de tres en tres cando a mín custábame o meu facelo de dous en dous.

Os gordiños de atrás non me serviron para case nada nesta partida.

Esa distribución das bandeiras foi o que fixo que eu tivese que xogar ó ataque, avanzando as miñas unidades para tentar conseguir o control dos puntos. Escaramuzamos un pouco preto do meu flanco dereito, onde conseguín causar algunhas baixas; desgraciadamente para mín, o meu rival fixo valer os seus arqueiros e cabalería para facerse ca bandeira da miña metade esquerda da mesa. Os seus puntos achegábanse perigosamente ao límite mentres que os meus non subían e a miña unidade lendaria, o señor do caos, non avanzara o suficiente para poder facer nin un ataque. Após un par de quendas amortuxadas por parte de ambos, conseguín os suficientes puntos de saber para darlle un xiro a partida!

Tiña ben gardada unha carta de comando que me permitía mover tres unidades de cabalería (no meu caso en realidade eran cans), dándolle un dado extra no ataque. Os dous primeiros xa foron devastadores, pero para o terceiro gastei cinco puntos de saber para engadir inda máis dados a última tirada, aniquilando por completo á unidade que tiñan diante. O meu rival non puido máis que lamentarse polo apropiado do ataque xa que el tamén tiña preparado un bo golpe para dominar na seguinte quenda. Non lle quedou outra que conformarse cunha vitoria moral por derrubar ao meu señor do caos xusto antes de que eu obtivese os puntos necesarios para declararme campión.

En resumo: vitoria para o meu bando por 18 puntos contra 14 e animado para botar o desquite cando sexa.