<<

Xogando ós birlos. Só. Con naipes.

Recordades os solitarios de Windows consistentes en pór un sete vermello debaixo dun oito negro? Pois o colega Sid Sackson xa estaba farto dese estilo de xogos na década dos sesenta, e creou un xogo que simulaba unha partida de birlos empregando tan só media baralla, o Bowling Solitaire.

O único material necesario son os números do 1 ao 10 de dous paus da mesma baralla. Para comezar, as mesturamos ben e facemos unha pirámide do mesmo xeito que se colocan os birlos no xogo real. Por outra banda, collemos as dez cartas que nos sobran, as poñemos en tres montóns boca abaixo nun lado da mesa de maneira que un teña cinco cartas, outro tres e o último dúas. Dámoslle a volta a carta de máis arriba de cada morea e xa estamos listos para xogar. Unha axuda gráfica de seguro que axuda.

As cartas son dunha edición especial, máis feitiña pero xógase igual. Fonte da imaxe.

O xogo consiste en dez roldas onde tentaremos derrubar todos os birlos da pirámide coa axuda das cartas que puxemos ao carón. Explicarei como xogar unha ronda pero non mencionarei o funcionamento da puntuación xa que é equivalente o do xogo dos birlos e hai outros lugares onde xa está descrito, por exemplo, na Galipedia, contando con que cada carta eliminada da pirámide equivale a derrubar un pau coa bola no orixinal.

O xogador ten que escoller unha das cartas boca arriba e eliminala da rolda xunto con unha, dúas ou tres cartas que se atopen adxacentes na pirámide, sempre e cando o último díxito da suma deses birlos sexa igual co da carta escollida. Por exemplo, na imaxe de arriba, poderíamos escoller o 4 para botar da partida o 0, o 8 e o 6 que se atopan na ringleira dereita. Excepcións da primeira xogada de cada lanzamento: non se pode derrubar só o birlo central, e tampouco se debe derrubar ningún da fila de atrás. A partir dese momento a única excepción é que polo menos un dos birlos derrubados ten que estar adxacente a algún que fora eliminado anteriormente. Estas dúas regras son para simular a física dunha bola arramplando co que se atopa por diante.

Unha vez feita a xogada, dámoslle a volta á carta superior da morea escollida para, normalmente, volver a ter outras tres opcións para escoller, e continuamos até que os derrubemos todos ou non existan máis xogadas válidas. Neste último caso, contará como que a bola fuxiu polo fondo e faremos un segundo lanzamento, eliminando a carta superior visíbel de cada morea e volvendo a comezar o proceso. Ao final dos dous lanzamentos cóntanse os puntos como no xogo real e prepárase unha nova rolda barallando todo e poñendo unhas novas pirámides e moreas. E así até que se xoguen as dez roldas dunha partida.

É case imposíbel derrubar o do medio de todo sen tirar os outros!

Na miña opinión, este solitario simula moi ben o xogo real e un pódelle dedicar tanto esforzo mental como queira a cada partida. Eu son dos que conta as cartas que hai, calcula probabilidades na cabeza, toma moito tempo en facer cada xogada… e despois de eliminar as cartas dáse conta de que chegou a un punto no que xa non poderá derrubar todos os birlos! A sorte inflúe pero hai lugar abondo para facer cálculos e buscar a mellor xogada en cada caso, xusto o que lle pido a un solitario exixente. O que ben é certo e que xogar as dez roldas faise un pouco longo, xa que a mín as partidas vánseme a preto dos tres cartos de hora cada unha; inda que tamén e posíbel deixala pausada tras cada rolda ou xogar roldas soltas para unha experiencia menos longa.

Pode incluso que teña un lugar para reforzar as matemáticas dos máis miúdos e, para os que somos un pouco máis maiores, nunca está de máis afastar as miradas de tanta pantalla, deixar a calculadora no peto e facer algúns cálculos mentais coa axuda das cartas. E, inda que leve o nome de solitario no título, tamén é posíbel xogar en paralelo para unha experiencia máis semellante ao do xogo real.

Eu, como son así de especialiño, anotei as catorce partidas que xoguei ao longo do tempo e fixen unha gráfica que amosa as puntuacións que obtiven. Están divididas por anos xa que en cada un xoguei as partidas no espazo dun mes.

Ese 203 seméllame un animal mitolóxico logo de tentalo ultimamente!