Monster Hunter Freedom Unite: o arquinimigo acuático-selvático
Continúo coas aventuras neste xogo asasinando máis e máis monstros para obter unha ganancia persoal. Tecnicamente hai dúas razóns para seguir cos xenocidios: a primeira é axudar aos veciños da aldea Pokke; a segunda é obter práctica e equipamento para vingarme do gran dragón que case me finou na cinemática inicial do xogo. Esta segunda motivación xa non semella moi nobre, pero eu penso que a primeira tamén deixa que desexar. Moitas veces son contratado con escusas coma “este bicho moléstame cando vou de picnic ao campo. Por favor, non lle deixes nin a pel”. Non é moi doado de xustificar eticamente eses servizos, e moito menos cando nin sequera cabe a defensa (igualmente inválida) “se non o fago eu, outros o farán”, xa que non hai máis cazadores preto.
Pero como de algo hai que comer, completei as misións de tres estrelas da aldea e unhas poucas misións de práctica. Estas últimas consisten en volver a loitar contra algúns dos monstros máis grandes nun entorno pechado e con algunhas combinacións de equipamento particulares: unha boa maneira de probar as diferentes armas e estratexias. Ao final de cada misión de práctica con éxito, obtemos algúns obxectos especiais para crear máis armas e armaduras, puntos para mellorar a granxa e unha valoración da caza en forma de puntuación. Por tanto, tamén ten ese compoñente de tentar superar o mellor rexistro de puntos ou de velocidade.
Quen non quere ter un canón-xoaniña na súa armaría?
Non foron os materiais obtidos nestas prácticas senón outros os que empreguei para actualizar a miña espada longa a unha versión máis poderosa con dano adicional de lume. Na parte de armaduras, completei unha combinación a base de herbas que, ademais dunha defensa apreciábel, dáme unhas bonificacións á recollida de materiais. Non son as mellores habilidades do xogo pero están ben para ir tirando.
No canto das misións da aldea de tres estrelas, conseguín, en máis ou menos intentos, rematar coas quince primeiras e coñecer os novos escenarios do bosque e do pantano, tendo que empregar moitos antídotos para contrarrestar os fumes tóxicos deste último. Pero antes de ter toda a categoría completada tiven que facer outros tres encargos, sendo o último dos mesmos a caza dun Plesioth verde acuático na selva.
Xa derrotara, no segundo ou terceiro tento, ao seu curmán do deserto, pero esta nova variedade facía máis dano, semellaba máis veloz e tiña un ataque que non lograba esquivar tanto como debería. Despois de morrer contra el moitas veces, e tras montar varias trampas e consumíbeis só para esta pelexa, logrei acabar con el na última vida e cando xa non me quedaban pocións. Como o monstro era acuático, eu tiña medo de que se fartase de espadoarse e liscase polo mar cando lle ficasen poucos puntos de vida, xa que non o podería danar alí. Por sorte, o xogo non é tan cruel e, cando xa estaba a pechar os ollos agardando por un novo golpe, vin a mensaxe de “obxectivo acadado” e puiden respirar de novo. Metaforicamente, claro, non hai maneira de aguantar a respiración durante máis de vinte minutos tan tensos.
O meu arquinimigo visto dende ben lonxe.
En contraste con esa epopea, a misión urxente para obter acceso ás misións de catro estrelas foi moi sinxela. Consistiu na matanza dun yeti que chamaba algúns esbirros de cando en vez (outros yetis máis pequenos, non é que fose alérxico). Os seus ataques víanse vir con tempo abondo para podelos evitar e contraatacar, polo que fun quen de dar boa conta del no primeiro intento.
- Horas transcorridas: 29.
- Misións de aldea completadas: 67.
- Misións de práctica completadas: 12.