<<

Monster Hunter Freedom Unite: Kandra sae da escena

Desta vez non rematei cun nivel de misións antes de escribir este capítulo, mais inda así completei un bo feixe de buscas. Ademais das misións da aldea e as de práctica, das que xa falei en entradas anteriores, tamén hai outras de procura de tesouro e as denominadas “misións de gremio”.

As dos tesouro tratan de atopar obxectos valiosos espallados polo mapa, téndoos que entregar no campamento base antes de que remate o tempo; eu intenteino só unha vez e non me gustou moito o sistema. As misións de gremio son versións máis difíciles das equivalentes da aldea e, inda que se poden realizar sen compaña, están pensadas para un grupo de até catro cazadores empregando o sistema multixogador sen fíos da PSP. A non ser que alguén por aquí preto desexe probalo comigo, ficarei sen saber como de ben funcionaría.

Até entón, agardo botando unha soneca co colega felino.

Comecei e completei pola miña conta unhas poucas destas misións de gremio e tamén algunhas de aldea. Nestas últimas abriuse o acceso ao escenario do volcán, que non aporta mecánicas novas até onde eu explorei. Loite contra algúns tipos novos de monstros, mais inda me quedan uns poucos por derrotar para pasar ao seguinte nivel.

Algúns dos monstros contan con modelos totalmente novos e outros son variacións dalgúns que xa apareceron previamente. Pese a isto último, cada un ten un padrón de comportamento único e, por tanto, as tácticas empregadas nun caso poden non ser válidas noutro. Pero, ao mesmo tempo, o xogo comeza a ser repetitivo tras as varias decenas de horas que levo.

E non sei cantos kilómetros fixo Kandra con pesadas armas na súa espalda.

Actualmente teño varios monstros que derrotar por diante, inda que xa perdín polo menos unha vez contra cada un. Coido que podería centrarme para vencelos co meu equipo actual, ou facer algunhas investigacións para adaptar as armaduras e facer máis sinxelos os próximos desafíos, xa que teño unha boa variedade de espadas longas pero só tres conxuntos de armadura, contando co inicial. De seguro que axudaría se lle botase un ollo a algunhas guías porque tampouco teño moi claro cales son as estatísticas máis importantes para as distintas loitas, pero non é algo que queira facer. Vou deixalo así polo de agora, inda que non sei se retomarei o xogo.

Dalgunha maneira o xogo é tal e como agardaba, e pode que inda mellor, pero penso que despois de tantas horas xogadas (relativas, xa que os expertos as contan por centos) chegoume polo de agora. É curioso mirar atrás e ver a mellora, xa que moitos monstros aos que lle servín de almorzo varias veces, agora non son máis que un trámite para adquirir algún material. Só quero pensar que, se algún día volvo a este xogo, non terei que comezar o aprendizaxe dende abaixo de todo.

Até logo, Kandra!

  • Horas transcorridas: 38.
  • Misións de aldea completadas: 83.
  • Misións de práctica completadas: 12.
  • Misións de gremio completadas: 6.