Golden Sun: a curta aventura de Xogon

Recomendárame este xogo da Game Boy Advance un bo amigo nos tempos que eu andaba ocupado con Suikoden. Dende entón cruzábamo de cando en vez procurando xogos de rol consoleiros, polo que finalmente me decidín a darlle un tento. “Adquirino” para a PSP e puxen as mans no mando!

O protagonista foi precisado de antemán polos creadores do xogo, pero tiven ocasión de poñerlle “Xogon” como nome. A verdade é que podería ter pensado un mellor pseudónimo e nome para esta páxina, ou polo menos un que non precisase de acento e quizais que non fose tan masculino; tivera a idea de facer un xogo de palabras con Shogun/Shogon, pero semellaba moi escuro. Ficarei con Xogon/Xogón por tradición.

Non lle fixen caso a tempo.

Resulta que Xogon e os seus amigos viven nunha aldea, illada para non expor os poderes psicocinéticos que teñen os seus poboadores. Todos moi felices até que unha tormenta non moi natural causa estragos na poboación, chegando a algunha morte e desaparición. Tres anos despois o protagonista, xa baixo o meu control, entra sen permiso nun lugar sagrado, obtén un poder moi antigo, perde parte do poder ao darllo, por non ter máis remedio, a os malos iniciais, e causa unha nova catástrofe. Tras todo isto, o fado do mundo fica nas mans de Xogon, se decide aceptalo. Se non, o mundo remata cun epílogo moi curto e o xogo ofrece a posibilidade de volver atrás e mudar opinión.

Todo isto sucedeu a través de diálogos e escenas intercaladas cun mínimo de exploración activa e moi poucos combates sen risco ningún. Cando por fin saín da aldea para comezar a aventura, fun recibido por un xenio (djinn) que me aprendeu todo un subsistema de combate, levándome por todos os menús e até facendo unha pelexa de exemplo. Ao rematar, movinme un pouco polo mapa e resultou que o emulador rasca moito neste entorno. Xa notara algúns miniparóns, especialmente nas loitas, pero eran máis aturábeis que o mapa. Este foi o momento, tras case dúas horas de xogo e moi pouca iteración, no que tomei a decisión de parar co xogo.

Xa se iso o ano que ven!

Agardo que poida transferir a partida gardada a outro dispositivo ou facer que funcione mellor na PSP, porque o xogo ten boa pinta e non me importaría seguir con el, sempre que non teña que sufrir outra vez o lento que é o comezo.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.