Columns: xoias por aquí, nada por acolá

O Columns foi a resposta de Sega ao éxito do Tetris, a súa aposta por un videoxogo no que os bloques caen da parte de arriba da pantalla. Neste caso, como o seu nome ben indica, son piares, formados por tres bloques de diferentes cores, os que teremos que dispor na parte baixa. Cando tres casas ocupadas por bloques da mesma cor xúntanse, diagonal ou ortogonalmente, desaparecen deixando caer os bloques que tiveran arriba, o que pode causar que outros tamén desaparezan e así sucesivamente. Cando era un raparigo e isto pasaba varias veces, dicíamoslle “facer un columns”, pero coido que era algo só da miña casa.

As capturas deste tipo de xogos son complicadas de obter e non moi interesantes.

O modo de xogo principal consiste en quitarse de enriba todos os bloques que poidamos para facer moitos puntos antes de que, inevitabelmente, os bloques sobresaian da parte superior da área de xogo. Para axudarnos nesta misión, tamén contaremos coa axuda dun bloque especial multicor que, ao entrar en contacto cun bloque doutra cor, fai desaparecer todos os bloques desa cor no escenario. Este bloque aparece cada certo tempo, ofrecendo un raio de esperanza se xa andábamos xogando na parte alta do móbel.

Eu especialiceime desta vez no modo arcade da versión orixinal do xogo adaptada á PSP, chegando a obter máis de medio millón de puntos. Non son quen de estimar as horas que lle botei e, inda que cada dous-tres días de xogo melloraba a miña marca, decidín poñerlle freo polo de agora. Coma sempre, acepto desafíos, polo que se alguén por aí quere darlle un tento xa me dirá que tal!

Desapareceron máis xoias que nunha tenda de empeños de dubidosa reputación.

Por se vos serve de algo, estas son algunhas das tácticas que procuro por en práctica durante a partida:

  • Facer desaparecer bloques sempre que poida; non buscar o xogo bonito.
  • Se non se pode facer desaparecer ningún bloque, deixar outros preparados para as seguintes quendas.
  • Facer un val en forma de V en caso e dúbida.
  • Se é posíbel, empregar o bloque especial multicor de maneira que sobresaia por enriba ao pousalo. Desta maneira fará desaparecer dúas cores en lugar de só unha.

2 pensamentos sobre “Columns: xoias por aquí, nada por acolá”

  1. Inda que visito o sitio decote, faltábame saudar. Aproveito esta entrada do «Columns», que é un dos xogos que si probei no seu día. Fíxeno nunha Mega Drive, que trocara durante unhas semanas pola consola que tiña eu, unha SNES. Así que non tiven moito tempo para adicarlle a cada título. «Columns» viña nun cartucho con outros dous xogos agrupados ao chou —non tiñan nada que ver entre si—. No meu caso creo lembrar que non xoguei ao modo arcade, senón que o fixen a un que tiña un final. En canto conseguín chegar ao remate dese modo pasei a outro xogo —non sei se me levou unha tarde ou un par delas—. Eu era máis de «Tetris», inda que lle tería xogado en profundidade ao «Columns» nunha consola portátil como fiches ti; nunha de sobremesa non me resultan cómodos este tipo de videoxogos.

    Unha aperta e ánimo co sitio.

    1. Si, esta primeira versión ten outro modo no que hai que facer desaparecer unhas certas pezas, e as secuelas tamén engadiron un modo combate contra a máquina para darlle algo máis de variedade.

      Eu do Tetris da miña infancia o que máis recordo son as maquiniñas estas que podías ver os cadradiños até cando non estaban iluminados. Recordo especialmente o que lle pasou a unha que deixei nun coche que ficou ao sol, e como houbo que raspar para podela tirar ao lixo…

      Unha aperta e grazas polo comentario!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.