<<

Jeanne D’Arc, capítulo 2

Ademais de Jeanne, tamén teño a un tal Gilles cun brazalete que lle permite transformase nun superguerreiro durante dúas quendas en cada loita. Non só melloran as súas estatísticas e gañan un poderoso ataque especial, senón que tamén obteñen unha quenda adicional cada vez que rematan cun inimigo. E isto último o que fai que sexan as unidades máis importantes da escuadra, e que todas as pelexas sexan interpretadas para aproveitar ao máximo esas quendas de transformación. Evidentemente, neste tipo de xogos cada quenda é ouro polo que temos que aproveitalas ao máximo.

De entrada, non simpatizaba moito con este sistema de ter unha protagonista moito máis poderosa que as súas compañeiras e tampouco coas quendas limitadas para cada escenario, mais agora penso que as loitas están ben deseñadas ao redor das mecánicas do xogo, facendo que cada loita semelle un quebracabezas, no bo sentido do termo. Non podo botarlle a culpa das batallas que perdín á falta de experiencia dos meus personaxes ou a unha sorte terríbel (polo de agora, crucemos os dedos!).

A única derrota neste segundo capítulo foi por querer aproveitar ao máximo a transformación de Jeanne porque, inda que non o contei no primeiro parágrafo, tamén recupera todos os puntos de vida. Tanto quixen aproveitar este efecto que, cando me din conta, caeu derrotada. Isto sucedeu xusto despois de liberar Orleáns, intentando asegurar unha das abadías preto de alí.

Na narrativa todo lle foi ben ao delfín grazas ás vitorias de Jeanne, que segue escoitando voces de cando en vez. No bando dos ingleses, o xeneral Talbot segue obtendo derrota tras derrota pero sempre volve con máis ganas e máis nivel. A protagonista quere falar con el tranquilamente porque aporta un punto de vista no que non é todo negro ou branco. Xa veremos como continúa esta subtrama mentres o miúdo rei inglés Henrique VI prepara o seu seguinte plan. A non ser que me estea perdendo algo, a historia non varía en absoluto dun xogador a outro, xa que non hai ningunha pregunta que responder nin decisións que tomar fora das batallas.

  • Tempo transcorrido: 7 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 12.
  • Batallas perdidas: 3.
  • Membros do grupo: 10.
  • Mulleres no grupo: 2 (20%).
  • Nivel de Xoana: 27.