Jeanne D’Arc, capítulo 3
Cando investigaba sobre este xogo, moi por riba xa que non me gusta saber de máis antes de comezar, atopeime con moitos xogadores falando do fácil que é. Non direi que é difícil, pero a intelixencia artificial ben sabe o que fai e é capaz de castigar unha mala posición para facernos perder a misión. Unha vez que isto sucede, temos que cargar a última partida gardada, polo que non temos o consolo de conseguir rabuñar uns poucos puntos de experiencia para a próxima vez.
Agora que as escusas xa están ditas, confesarei que neste terceiro capítulo tiven tres derrotas. A primeira foi nun escenario no que tiña que derrotar a un líder inimigo en particular. Lancei a todas as miñas unidades contra el, pasando do resto de rivais. Desta maneira, conseguín facerlle moito dano, pero o maldito lanzouse un feitizo de cura, anulando boa parte do mesmo. De igual maneira, nas seguintes quendas o dano causado foi estritamente menor do curado, e as miñas forzas foron decrecendo até a derrota final.
A segunda derrota foi por querer apurar no tempo todo o posíbel e deixar un oco nas miñas filas, nada sobre o que pague a pena estarricarse máis. Non axuda tampouco que sempre seleccione ás tres mulleres a miña disposición independentemente das condicións e obxectivos do escenario. A última derrota deste capítulo foi nunha loita libre contra uns dragóns para os que claramente non me chegaba ca forza actual da miña escuadra, supoño que debería volver máis adiante.
A historia continuou con Xoana e os seus facéndolle camiño ao delfín para que poida coroarse en Reims (lugar onde hai hoxe en día unha escultura ecuestre da nosa Xoana). Durante o percorrido, a protagonista vaise afastando dos seus amigos de toda a vida e centrándose máis e máis na guerra. Ela intenta liberar a todos os franceses do xugo inglés, por iso non comprendo cando algún dos seus compatriotas oponse aos seus plans. Iso obrígalle a ter que loitar contra eles para acadar o seu fin último, moi ao seu pesar. Polo menos atopou a outro posuidor dun brazalete que se uniu a súa causa: o mago Richard.
Nos compases finais do capítulo si que Xoana vaise dando conta de que, en realidade, non é máis que unha peoa nas pretensións ao trono duns e doutros, sen que haxa moita diferenza no sangue das súas veas (Carlos VII non deixa de ser o tío de Henrique VI). Mais, xusto nese momento, Xoana recibe un disparo e cae por un acantilado, a pesares da axuda da súa amiga Liane. Evidentemente é moi cedo para que a protagonista morra, e máis lonxe dunha fogueira, polo que xa veremos nos vindeiros capítulos.
- Tempo transcorrido: 9 horas.
- Batallas de historia gañadas: 12.
- Batallas perdidas: 6.
- Membros do grupo: 12.
- Mulleres no grupo: 2 (17%, sen contar a Xoana).
- Nivel de Xoana: 30.