Jeanne D’Arc, capítulo 4
Ao contrario que os personaxes do xogo, eu non me creo que Xoana finase ao rematar o anterior capítulo, polo que me referirei a ela coma unha desaparecida. Os seus compañeiros queren manter o espírito da pucelle vivo disfrazando a Liane coma se fose ela. Axuda ao engano que agora sexa esta a posuidora do brazalete que lle permite transformarse en superguerreira. Non escoita a voz de Deus, polo que iso segue a ser un trazo único da vella Xoana.
Baixo esta fachada, Liane vaise metendo máis e máis no papel e procurando loitas cun escaso interese estratéxico, tan só porque pensa que os seus actos son os correctos e que non pode perder nunca. Até consegue facer que o delfín sexa coroado rei en Reims! Pero todo isto afúndese cando fai un ataque en inferioridade contra as portas de París, liderando un exército de noveis que é masacrado ante os seus propios ollos.
Isto foi contado a través dunha loita na que fracasei dúas veces.A primeira porque non contei con todo o dano que poden chegar a facer uns arqueiros de tiro longo ás unidades do elemento contrario. A segunda foi porque, após derrotar a todos os inimigos, apareceron algúns máis cos que non contaba. Inda que no terceiro intento “gañei” a liorta, non era posíbel entrar na gran cidade de París e o grupo chamou a retirada pese as súplicas de Liane por loitar máis e mellor.
O fracaso en París, e a conversión da outrora doce Liane na sanguinolenta “Xoana”, causa moita fricción no grupo principal, en parte axudados polo malfacer do malvado conselleiro de Carlos VII; mentres este último non é quen de acadar o seu obxectivo de dominar a Francia, por máis que xa ten o cetro real. Neste momento, para levarme a contraria ao que escribín na entrada anterior, temos a primeira decisión A/B para escoller camiño no xogo. Ou ben tentamos debilitar as tropas leais ao rei ou axudamos a unha vila atacada por bandidos. Coma calquera persoa de ben, escollín a segunda e rematei protexendo uns cristais de enerxía máxicos e cunha nova feiticeira no meu grupo.
O capítulo finalizou cos protagonistas defendendo unha vila cando, de súpeto, unha insurrección volveuse contra eles forzando a súa retirada cara dentro das murallas. Por desgracia Liane quédase fora e, inda que o seu amigo de toda a vida Roger intenta salvala, todo apunta a que non será suficiente contra as ansias dos inimigos por capturar (ou algo peor) á bruxa de Xoana.
- Tempo transcorrido: 13 horas.
- Batallas de historia gañadas: 20.
- Batallas perdidas: 9.
- Membros do grupo: 12.
- Mulleres no grupo: 3 (25%, sen contar a Xoana).
- Nivel de Liane: 41.