Jeanne D’Arc, capítulo 5

Este capítulo foi moi curto dende o punto de vista temporal e lúdico, inda que si que avanzou bastante a trama. Non o comentara explicitamente até agora, pero cada un dos artigos nos que estou dividindo as crónicas deste xogo correspóndense cos capítulos nos que os desenvolvedores partiron o mesmo. Este titúlase “lume negro”, e quizais xa poderedes intuír o porqué.

Comezamos coa desaparecida Xoana, que espera aos pés dunha árbore que ten un busto humano no seu toro. Resulta ser un dos posuidores dos brazaletes orixinais e o do da voz que escoita a protagonista; non era Deus! Sabe que Xoana é a heroína que o mundo, non só Francia, precisa, polo que non dubida en gastar os seus derradeiros folgos (se é que unha árbore ten tal) para darlle o seu brazal á moza de Orleáns. Ela gaña os poderes físicos, pero nunca máis volverá a escoitar a súa voz.

Coa axuda de Gilles, Xoana záfase dunha emboscada feita por uns inimigos recorrentes na primeira batalla do capítulo. Tras ela, ambos saen correndo para intentar salvar a Liane, xunto ao resto dos seus antigos compañeiros. Polo camiño atópanse de novo cuns vellos inimigos, nunha loita que semellar ser totalmente de recheo pero que, como se demostrará pouco máis adiante, cumpre a función de atrasar ao grupo, de maneira que non poida chegar a Rouen a tempo para..

Mentres todo iso sucedía, Liane e Roger foron encarcerados polas forzas opostas ao rei, sendo a rapaza condenada a morte por herexe, xa que no seu papel de Xoana tamén afirmou escoitar a voz de Deus. Roger conseguiu salvala un par de veces, mais as voces que el leva escoitando dende o comezo da historia fóronse facendo máis fortes e o inutilizaron tanto a el coma ao seu plan. Irremediabelmente, Liane é queimada na fogueira sen que ningún dos seus amigos poida facer nade. Pobre Liane! 🙁

Roger foi o primeiro en chegar ao escenario da morte. Non é capaz de racionar o finamento da súa amada e culpa a Xoana de todo o que pasou. Cando esta última chega ao lugar, Roger entra en cólera de deixa saír o demo que leva dentro. Literalmente: sae un seitureiro! Por se isto non fora totalmente negativo, semella que non é o único da súa especie espertando e son unha ameaza real. Primeiro para Francia e logo para o mundo enteiro!

  • Tempo transcorrido: 14.5 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 22.
  • Batallas perdidas: 9.
  • Membros do grupo: 12.
  • Mulleres no grupo: 3 (25%).
  • Nivel de Xoana: 39.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.