Jeanne D’Arc, capítulo 6
Neste capítulo fomos facendo a seitura por toda Francia, seitureiro tras seitureiro caían baixo as nosas espadas. Había un morea de altos cargos que aloxaban cadanseu demo, todos traballando para o novo Henrique VI, entre os que destaca a súa avoa, a raíña Isabel. Esta última tamén é a nai do rei francés Carlos VII, o que demostra que toda a guerra internacional non é máis que un xogo de tronos saído dunha pelexa familiar.
Por resumir un pouco, o verdadeiro Henrique VI é unha especie de ra que viaxa connosco dende o comezo, pero que só é un personaxe xogábel dende que Liane ardeu na fogueirada, herdando o seu nivel, estatísticas e o brazalete orixinal de Xoana; eu agardaba que fose a súa reencarnación xa que non falou até que ela morreu, pero estaba errado. O que encarna ao corpo de Henrique VI é un poderoso demo que aumenta en poder coas mortes de cada un dos seitureiros, e que tamén ten os seus máis e os seus menos con Roger, xa que este quere ser o asasino de Xoana. Menos mal que ela cambiou de estilo para pasar desapercibida.
No terreo táctico perdín dúas loitas da historia principal, por non comprender os escenarios nos primeiros intentos, e unha das escaramuzas libres, por non escoller aos elementos axeitados para o desafío. Semella que cada batalla que pasa redúcese a disparidade de poder entre as miñas forzas e as inimigas, polo que cada vez é máis complicado limpar a todas as forzar inimigas encadeando o poder especial dos brazaletes cunha soa unidade.
A falta de ter un personaxe apisoadora, que pase por riba de todo e canto se encontre, hai que aproveitar a todos os aliados da mellor maneira para acadar os obxectivos de cada escenario. Unha particularidade que non comentara deste xogo é que, após un ataque normal a un inimigo, créase detrás del unha área que potencia o seguinte ataque. Desta maneira, a miúdo compensa non facer ataques especiais xa que non crean esta área ardente, o cal implica que é moi difícil precisar o dano total que podo chegar a facer, xa que non basta cun simulacro de ataque sinxelo.
Isto último é comprensíbel dende o meu limitado punto de vista de afeccionado ao deseño de xogos. Pero o que xa non comparto é ter consumíbeis con efectos de mellora permanentes que só poden ser empregados nun combate gastando a acción principal. Moitas veces esquézome de empregalos no albor da loita, cando soe haber máis tempo, e non hai ningún motivo polo que non puideran poñer a funcionalidade nos menús do mapa principal. Nin sequera teñen unha animación moi salientábel.
- Tempo transcorrido: 17 horas.
- Batallas de historia gañadas: 26.
- Batallas perdidas: 12.
- Membros do grupo: 13.
- Mulleres no grupo: 3 (23%).
- Nivel de Xoana: 46.