Jeanne D’Arc, capítulo 7

Inda que non o pareza, pola maxia de internet e das publicacións programadas, xa ían case tres meses dende que collín este xogo por última vez. Se me está a facer un pouco longo, ante todo porque as semellanzas cos eventos históricos son cada vez máis escasa e pesa máis a ambientación fantástica, que non ten moito de especial para un xogo deste estilo.

En particular, neste último capítulo, interneime nunha barriada de París onde os animais antropomórficos contáronme a súa triste historia de marxinación á que non lle prestei moita atención. Despois tiven que escoller entre facerlle unha visita aos elfos ou aos ananos para pedir axuda. Elixín ir a xunto estes últimos, e alí houbo un conflito por un malentendido lingüistico antes de aparecer de novo Roger, ser derrotado e axudarnos nunha loita contra o malvado duque de Beford.

No apartado máis interactivo, só tiven unha batalla perdida no primeiro escenario por andar con presas, en lugar de asegurar o camiño antes de avanzar coas unidades máis febles. O resto foi bastante automático e sinxelo. Cabe salientar un escenario labiríntico moi longo que solucionei en catro quendas abusando da funcionalidade de lanzar feitizos a través dos muros infranqueábeis do mapa. Deixei de gañar moita experiencia e pode que algún tesouro interesante, pero xa teño as miras máis postas no final do xogo que noutra cousa.

Confesarei que lle botei un ollo ao número de escenarios que me quedan até terminalo, para obter unhas poucas forzas ao saber que o final está preto. Farei un pequeno esforzo para atallar o derradeiro capítulo mentres procuro algún xogo novo. Non estou moi en contra destas aventuras que mesturan “estratexia” con toques de rol, pero case seguro que non será a miña próxima opción; xa veremos dentro de dúas semanas. Por outra banda, tamén quero atopar algunha biografía sobre Xoana de Arco para comparar e entender mellor as adaptacións que fixeron para este xogo, pero a miña cola de lectura e moito máis longa que a de xogos, polo que non sei cando lle atoparei un oco.

  • Tempo transcorrido: 20.5 horas.
  • Batallas de historia gañadas: 31.
  • Batallas perdidas: 13.
  • Membros do grupo: 13.
  • Mulleres no grupo: 3 (23%).
  • Nivel de Xoana: 51.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.