Jeanne D’Arc, capítulo 8
Sufrín un pouco neste derradeiro capítulo, máis que nada porque xa ficara algo desencantado co xogo e calquera dificultade podería facerme abandonalo. Por sorte, só tiven unhas poucas nas dúas últimas loitas polo que conseguín chegar até o fin! A historia estivo resumida a París e ao castelo que sobre esa cidade fixo levitar o demo dentro de Henrique VI. Até alí foron os nosos heroes con intención de parar as destruccións do malvadísimo Gilvaroth. Polo camiño atópanse de novo con Talbot! Após telo derrota innumerábeis veces nos primeiros capítulos, agora decide apartarse e déixalle á pucelle facer o seu: salvar a Francia!
No lugar de probar o dominio das mecánicas do xogo, neste capítulo moitas foron desactivadas. Primeiro expresamente, a través duns inhibidores que tiñan que ser derrubados para activalas nunha loita concreta. E logo máis sutilmente, quitándolle as afinidades elementais aos inimigos ou facendo que o xefe final do xogo non produza auras ardentes tras de si ao ser golpeado.
Pese a iso, non tiven ningún problema en superar as primeiras batallas. A penúltima colleume por sorpresa o xiro de ter que exorcizar os seitureiros do corpo de Henrique VI e ter que loitar contra todos á vez; isto foi a miña primeira derrota do capítulo. Na loita final tamén fracasei nos dous tentos iniciais mentres non aprendía as mecánicas da mesma e como aproveitalas para o meu beneficio. Logo tiven un número indeterminado de “recomezos tácticos” mentres adaptaba o equipamento dos meus personaxes e a estratexia para superar a pelexa. Notábase que deixei sen facer moitas das pelexas opcionais do xogo porque un pouco máis de experiencia nos meus personaxes viríame ben, pero ao final triunfou máis o plan que a forza bruta.
Nesta última loita, catro torres nos extremos lanzaban constantemente feitizos de dano e curación, mentres que Gilvaroth teletransportábase polo mapa facendo algo de dano pola súa propia conta; ademais, algúns demos aparecían no mapa cada quenda. Non vin posíbel eliminar as torres e aos demos sen sufrir moitas baixas, polo que troquei un plan a un asalto frontal contra o xefe. Logo dun par de “recomezos tácticos”, conseguín derrubalo na carta das trinta quendas que tiña dispoñíbeis. Obxectivo cumprido!
A historia péchase con Gilles encerrando en si mesmo a alma do demo, nunha escena moi reminiscente do Diablo. O grupo desbándase e Roger e Xoana volven a súa Domrémy natal (hoxe en día coñecida coma Domrémy-la-Pucelle en honor a esta última), que esta a ser reconstruída. Na última animación antes dos créditos, ambos están rezando pola súa amiga Liane, falecida na guerra.
Mais o xogo non remata aí! Após os créditos temos a oportunidade de volver ao mapa xeral para pasar o tempo con algúns desafíos adicionais. Segundo a información que atopei, tamén existe a posibilidade de resucitar a Liane… pero esa epopea quedará para outro porque eu póñolle o fin aquí.
- Tempo transcorrido: 25.5 horas.
- Batallas de historia gañadas: 36.
- Batallas perdidas: 14.
- Recomezos tácticos na última loita: unha morea.
- Membros do grupo: 14.
- Mulleres no grupo: 3 (21%).
- Nivel de Xoana: 51.