Warhammer 40.000: Space Marine
Inda que tiña bastantes ganas de xogar a este xogo do universo 40.000, non agardaba moito del. Coñezo lixeiramente a base da mitoloxía da saga e, non sei moi ben por que, atráeme coas súas razas, faccións e a mestura de mundo vitoriano e futurista. Á versión orixinal de miniaturas non penso nin acercarme, mais ao resto de produtos téñolle un certo cariño. Até lin a primeira das novelas da Herexía de Horus!
A historia nesta entrega é a de sempre: uns orkos andan a liala verde nun planeta, uns marines espaciais son enviados para aplacalos e, na metade da misión, descobren que non é o que parece e que hai algo culto que pode ser un risco para os intereses do emperador. Etc. Etc. O caos está detrás de todo. Etc. Etc. A batalla é gañada, o mundo é salvado outra vez, pero non por iso a guerra vai parar.
Desta vez hai un inquisidor que guía a maior parte da campaña, pero que xa se ve dende a primeira escena que é claramente malvado. Tamén aparece un orko kaudillo que dá máis medo polo nome que por si mesmo; eu, polo menos, poñíame firme cada vez que escoitaba “por aí vén o kaudillo”! Este personaxe funciona como xefe da primeira metade do xogo até que é aniquilado nunha loita decepcionante, tanto pola súa proposta coma pola súa sinxeleza. Un pouco do mesmo pasa na pelexa final do xogo, onde hai que terminar co inimigo premendo os botóns que aparecen na pantalla mentres que caemos con el por un longo precipicio. Recordoume a unha das pantallas iniciais do Saints Row: The Third, agás pola parte de que alí é un comezo glorioso para un xogo tamén glorioso, e aquí é un final mediocre para un xogo tamén mediocre.
Quizais trocase a miña opinión se soubese antes de comezar que era un xogo de disparos. Eu tiña na mente algo máis semellante aos Devil May Cry con loitas corpo a corpo onde a brutalidade do protagonista abrira o paso ante inxentes cantidades de inimigos. No seu lugar, atopeime ao mando dun soldado que é cribado a moita distancia polas balas inimigas e que, a miúdo, ten que tomar a vía do sixilo e da paciencia para non morrer. Non dubido que esa sexa a experiencia dun marine espacial “real” no xogo de taboleiro, mais resultou nunha adaptación nada recomendábel a pesar das sete horas que lle saquei.