<<

O señor dos aneis LCG: fuxida de Dol Guldur

Até fai ben pouco só tiña a caixa básica do xogo LCG do Señor dos Aneis xunto a todo o ciclo de Angmar Espertado. Digo “só” porque, inda que parezan unha morea de cartas, é unha fracción moi pequena de todo o que saíu para este xogo. A pesar de ter explorado moi pouco do seu deseño lúdico, é probabelmente o meu xogo de cartas preferido, inda que non atopase un grupo para gozalo en maior medida. Ademais de necesitar moitos cartos para facerse cun ciclo completo, tamén e complicado atopar unidades das tendas, polo que a miña colección vai aumentando lentamente a medida que atopo desexo e stock.

Ultimamente incorporei tres aventuras do primeiro ciclo (unha delas en inglés, o resto en castelán) e a caixa grande das Terras salvaxes de Rhovanion. Aproveitei para facerme un mazo cos novos personaxes do val, e funcionou moi ben na primeira aventura a través do bosque escuro. Contra o troll do comezo do Anduin tiña problemas gordos polo que tiven que facer algúns axustes no mazo para baixar a miña ameaza, rematando cunhas cartas non tan ambiciosas pero máis prácticas para este desafío, con Brand (táctica), Bardo (espírito) e o pequeno Merry (espírito) coma heroes. Conseguín un par de vitorias consecutivas polo que entendo que está ben superado. Tras isto, agardábame a escapatoria de Dol Guldur para rematar coas aventuras da caixa básica. Pouco xoguei esta aventura nas cento e pico partidas que levo porque é moi complicada, pero teño esperanza no poder dos espirros do rei do val.

Antes de nada axustei o mazo para non depender tanto dos aliados do val, xa que en boa parte da misión só poderemos xogar a un por quenda, pero metín algúns que se poden poñer en xogo doutras maneiras para facer un pouco a trampa. Debido a que a aventura non está deseñada para ser xogada en solitario, engadín outro mazo formado por Aragorn (liderado), Théodred (liderado) e Rossiel (saber). A idea deste mazo é xogar aliados poderosos de saber, se consigo os recursos, mellorar a Rossiel movendo cartas á área de vitoria, e meter algúns exploradores do norte no mazo de encontros. As dúas primeiras partidas foron derrotas en 40 e 12 minutos, e non pasei da primeira etapa en ningunha: aliado que poñía en xogo, aliado que morría. A terceira tivo máis graza.

Comecei con moita sorte: das tres cartas gardando os obxectivos dúas eran o alcance do nigromante que se resolveron sen efecto, e o heroe secuestrado foi Théodred. Pouco a pouco conseguín ter algúns aliados con boas cartas vinculadas no lado do val, mentres que Aragorn e Rossiel adicábanse a sobrevivir e contribuír cun pouco de vontade en cada misión. O momento estelar deste mazo foi cando conseguiu colar un explorador do norte no mazo de encontros e, cando foi descartado como sombra, devolvelo ao mazo a través dunha carta de evento. Cando entrou, liquidou un lugar que me daba problemas e puido aportar á defensa contra os orcos e arañas. Nese momento xa o tiña todo controlado, o mazo do val aproveitou todos os seus recursos, acumulados en boa parte grazas ao senescal de Gondor, para chamar a Gandalf dúas veces: a primeira para resolver a segunda etapa, e a seguinte para rematar ao Nazgûl e fuxir de Dol Guldur coa misión cumprida na sexta quenda: Théodred está a salvo!

  • Tempo de xogo: 2 horas.
  • Partidas xogadas: 3.
  • Vitorias: 1 (110 puntos).