<<

O señor dos aneis LCG: murmurios de Rhovanion

O portal Susurros del Bosque Viejo organizou a sexta entrega da súa liga nacional do Señor dos Aneis LCG. Esta vez tratábase de superar as tres misións das Terras salvaxes de Rhovanion empregando só as cartas desa caixa e da básica. Ao ter eu todas as cartas válidas, non dubidei en apuntarme facendo unha baralla baseada nos reis do val Brand e o seu fillo Bardo II. A opción para o terceiro heroe pedíame ser algún da esfera do saber, Beravor ou Denethor, mais pareceume a opción sinxela polo que improvisei un pouco metendo a Eleanor, unha muller de Gondor que decidiu pasear polo val coa súa egua. Por dicir algo.

O mazo resultante non tiña moitas sorpresas. Devorquei todos os aliados do val dispoñíbeis, todas as vinculadas novas e completei con Gandalfs e algunhas das cartas clásicas das esferas de liderado e espírito. Foi unha mágoa non poder meter o novo evento de saber que devolve cartas vinculadas á man e que tanto xogo dá xunto aos heroes do val. Tamén deixei planeado un banco con vinte cartas adicionais e dous heroes de saber, pero non estaba permitido empregalo para este evento. Non tiña nin idea de que tratarían as misións da caixa, máis aló de que revisitaban as cartas de encontro das tres primeiras misións da básica, polo que escollín unha ameaza inicial bastante baixa para evitar posíbeis trols nas primeiras quendas.

Na primeira misión, Remontando o Anduin, temos que percorrer en dirección contraria o clásico río que tantas veces baixamos despois de derrotar ao polo entón terrible troll. Esta nova versión é unha desas que non escala moi ben para un só xogador, xa que hai unhas condicións que obrigan a poñer unha nova carta en xogo, o cal é un chimpo moi importante na dificultade cando non hai outros xogadores para paliar os seus efectos: o incremento de revelar unha carta a revelar dúas é moi superior ao de pasar, por exemplo, de tres a catro. Eu fracasei nos tres tentos oficiais para a liga, pero polo menos conseguín unha vitoria á cuarta. Con Denethor no grupo sería moito máis sinxelo.

Pola súa banda, en Perdidos no bosque negro, non tiven maiores problemas. Conseguín tres vitorias nos tres intentos, explorando case todos os camiños posíbeis sen moitas dificultades. Foi entretido polo variado, inda que adoece un pouco de ter que separar todas as cartas de encontro tras cada partida para volver a comezar. Atopamos de novo a certos vellos inimigos pero non resultan tan perigosos coma nos poderían semellar nos comezos das nosas viaxes pola Terra Media neste xogo. Vendo as estatísticas do evento, tamén resultou a máis sinxela para a meirande parte dos participantes.

Na misión do rei, tiven dúas derrotas sen poder pasar da primeira etapa: o mazo de espenucas pode traer moitas maldades de súpeto que complican a nosa vida. Non sería até a terceira e definitiva cando atopei por vez primeira ao dragón e tiven unha pequena posibilidade de acceder ao seu tesouro. Non foi nada sinxelo e, cando xa pensaba que o tiña no peto, unha serie de catastróficas desditas remataron con Eleanor e Bardo sen puntos de vida. Por sorte, sobrevivín o suficiente para facer un derradeiro ataque e concluír co malvado dragón!

Como fun dos primeiros en rematar, tiven a honra de estar primeiro na clasificación xeral do evento temporalmente, pero rematei no décimo posto cando todos entregaron os seus resultados. Alédome de ter participado e agardo novas entregas da liga, especialmente se teño acceso a todas as cartas que compoñan o listado de permitidas.

  • Remontando o Anduin: D / D / D.
  • Perdidos no bosque negro: 161 / 125 / 125.
  • A misión do rei: D / D / 176.
  • Puntuación final: 40.