<<

Jet Set Radio: …triunfei patinando

A historia do modo principal deste Jet Set Radio énos contada a través do carismático presentador da emisora pirata do mesmo nome. Sita en Toyo-to, a aventura céntrase na banda GG e como intentan recuperar o seu barrio das mans doutros grupos. Para conseguilo, teñen, polo xeral, que graffitear por riba das pintadas dos rivais, inda que as veces hai uns encontros máis persoais nos que o obxectivo é pintar directamente as cosas dos inimigos. De cando en vez, alguén quererá formar parte de GG ou esta banda desexará fichar a alguén. Neste caso haberá unha carreira ou unha demostración da valía en base a ser capaz de repetir certos movementos concretos.

Centrareime nas misións de graffitear as cidades, por ser as máis habituais e representativas. As mecánicas son sinxelas, inda que non veñen moi ben explicadas: hai que pintar en todas as superficies sinaladas antes de que remate o tempo ou o noso personaxe quede coa barra de vida baleira. Na primeira metade do xogo temos que fuxir constantemente da forzas policiais que non dubidan en incorporar cada vez máis poder en forma de SWATs, tanques ou helicópteros de combate. Na segunda metade os rivais pasan a ser membros dunha megacorporación e os seus asasinos a soldo. Todo para frear a uns rapaces que andan en patíns facen pintadas.

Algo que non comparto de todo, referente ao deseño do xogo, é que, tras pintar un certo número de graffitis nun escenario, estas forzas rivais aumentan de poder. Isto provoca que ás veces sexa máis importante a orde das pintadas que a execución fluída dos obxectivos. Tampouco estou moi a favor de que sexa posíbel debuxar xusto despois de recibir dano, porque moitas veces simplemente aguantei os golpes sen parar de pintar, e vai contra o espírito do xogo. Pero o que peor me parece é non poder escoller misións pasadas para podelas repetir. O xogo tamén ten un compoñente de puntuación polo que poder mellorar a marca sen ter que comezar unha nova partida dende cero sería unha boa opción.

Sigo sendo máis fan dos Tony Hawk, pero unha vez adaptado ao sistema de xogo particular deste Jet Set Radio pois non o vexo tan mal. Óllese que non comentei detalles da narrativa do modo historia porque é moita loucura e o mesmo narrador non deixa moi claro se todo foi algo real dentro do mundo do xogo ou só unha das súas ideas felices que foi improvisando sobre a marcha nas súas ondas. De seguro que hai teorías soportando ambas opcións.