<<

Warhammer 40.000: Squad Command, segunda parte

O xogo ten unha documentación escasa e a campaña é dende o punto de vista dos ultramarines, polo que non sei se haberá variacións entre as diferentes faccións do xogo máis aló das cores. Como tampouco controlo do xogo de taboleiro, non sei se alía son apreciábeis as diferencias entre os capítulos dos marines. E o mesmo no caso do caos, xa que na campaña só aparece unha facción de inimigos, que eu saiba. Algunha maneira de poder xogar os modos multixogador contra a intelixencia artificial sería unha boa idea, porque hai moito contido que non puiden nin probar.

Está claro, pola outra banda, que a campaña foi claramente ideada para cumprir, e nótase até o final. Despois de loitar en diversos escenarios contra forzas cada vez máis poderosas, atopámosnos na derradeira misión tendo que deter un ritual de transformación demoníaca. Para conseguilo temos que chega cunha unidade ao lugar do ritual, sen límite de tempo e sen preocuparnos polas baixas propias: seremos heroes igualmente segundo o prólogo. Cando chegamos ao punto indicado a misión remata inmediatamente e, nun vídeo, podemos ver como o ritual foi amocado. E aparecen os créditos finais.

Agradezo a sinceridade dos obxectivos. No Jeanne D’Arc tiña que andar con pés de chumbo porque non era raro que, tras acadar o obxectivo inicial, este mudase a outro con algunha sorpresa. Inda así, o final deste Squad Command foi un anticlímax. O canon habitual ditaría que chegamos tarde para frear o ritual e que, por tanto, tempos que loitar contra un demo moi poderoso. Iso, ou o emperador destrúe todo o mundo forxa para rematar de raíz co problema.

No apartado lúdico o xogo non tivo grandes cambios respecto á primeira parte. Ademais das unidades básicas a pé, tamén obtiven acceso a tanques, a outras unidades mecanizadas e a máis armas para todos. Pola súa banda, os rivais do caos tamén foron aumentando a súa potencia de fogo dunha maneira moi similar aos fillos do imperio. Demasiado similar, se cadra. Estaría ben ter máis razas á nosa disposición, con novas posibilidades, inda que seguramente as mecánicas básicas serían as mesmas.

Fico a espera da adaptación definitiva do xogo de taboleiro, inda que coñecendo a Games Workshop poder ser un imposíbel por temor a roubarse mercado a eles mesmos. O único que sei é que o das manualidades, pinturas, figuriñas e coleccionismo non é para min.

  • Misións superadas: 15.
  • Misións perdidas: 1.
  • Misións que petaron o xogo: 1.
  • Unidades eliminadas: 410.
  • Unidades perdidas: 47.
  • Quendas xogadas: 170.
  • Puntos totais: 30350.