Android: Netrunner, Rielle contra HB
Coido que o Android: Netrunner é actualmente o meu xogo de taboleiro competitivo preferido, inda que non teño máis que a caixa básica e seis paquetiños de datos (ou, se cadra, precisamente por iso). A semana pasada veu o camarada que me agasallara este mesmo xogo hai xa varios anos e, ante a miña insistencia, collemos as barallas que tiña preparados e xogamos. Enfrontáronse entón a transhumana-cyborg Rielle “Kit” Peddler contra a megacorporación Haas Bioroid: enxeñando o futuro. O plan desta última é montar un servidor remoto ben protexido para sumar os puntos alí, mentres que a corredora tentaba ter un comezo moi explosivo para sacar do bloque de investigación+desenvolvemento todos os puntos posíbeis mentres acumulaba ben de cartos. Relato a continuación un pequeno resumo das tres partidas xogadas.
Na primeira eu levei a Rielle e, pese a facer un mulligan inicial, non conseguín unha man para comezar moi forte. Soltei unha interface de I+D que me serviu para conseguir unha axenda de tres puntos nas primeiras quendas, pero estiven procurando constantemente no meu montón as ferramentas que precisaba para avanzar na partida sen moito éxito. A corporación, pola súa banda, conseguiu avanzar outra axenda de tres puntos sen que eu puidese facer nada, empatando a partida. Non obstante, deixou un buratiño no servidor de I+D que conseguín aproveitar para, coa axuda dunha muller fatal que baixei nesa quenda, as dúas interfaces de I+D que xa tiña en xogo, un ollo do facedor e todos os créditos que me quedaban, conseguín pasar a través do peaxe e dun xeo sentinela para ver cinco cartas e atrapar os seis puntos que me deron a partida!
Trocamos os mazos para a segunda partida e eu, de novo, non tiven unha man moi boa após o mulligan, pero a corredora tampouco chegou moi lonxe nas primeiras quendas. Protexín I+D e un servidor remoto onde instalei un Adonis. O meu rival instalou un Crypsis moi cedo que resultaría ser inútil xa que non o empregou en toda a partida, inda que si que conseguiu algúns accesos a I+D sen sacar nada en limpo. Eu conseguín vantaxe económica co Adonis e a súa curmá Eve, todo isto con tres axendas na man e o cuartel xeral sen protexer; unha sorte que non se lle deu por mirar aí xa que era derrota segura! Aproveitei a economía para avanzar as axendas nun remoto ben protexido mentres a corredora non podía facer moito máis que mirar. Ao final el xa tiña unha colección de programas interesantes, pero eu rematei puntuando a miña terceira axenda consecutiva para pechar a partida.
Por último, volvín a tomar as rendas moldeadoras contra a corporación. Desta vez o plan do meu mazo funcionou e conseguín aproveitar o poder da identidade de Rielle xunto cunha folla gordiana para roubar unha proba beta acelerada que a corporación agochou xa na súa primeira quenda. Despois instalei o Magnum Opus aproveitando os cartos e a folla para facer incursións aquí e aló, vendo moitas cartas pero non roubando máis plans. Houbo un momento crítico no que me achantei no medio dunha incursión ante un xeo sen executar; estaba bastante seguro que era un peaxe ao que non lle quería pagar, pero decidín asegurarme na seguinte quenda facendo unha infiltración. E menos mal, porque realmente era unha rototorre que me retardaría bastante. A partida continuou polos canles clásicos de Netrunner pero, aproveitando a vantaxe de créditos da obra magna non lle deixei á corporación puntuar en ningún momento no remoto, á vez que controlaba tamén os servidores centrais. Foi cuestión de tempo que acadase oito puntos, un máis dos precisos para unha vitoria.
E iso foi todo. Sacoume un pouco o mono deste xogo que levaba enriba dende hai bastante tempo, pero ben é certo que non me chega a hora de volver a xogalo. Xa lles fixen algúns cambios a ambos mazos que penso que os poden facer máis fortes. Coido que o único que me falta son rivais. Alguén se apunta?