<<

Castlevania: The Dracula X Chronicles, primeira parte

Normalmente comezo as entradas falando da miña experiencia previa coa saga en cuestión, pero neste caso é bastante espallada como para enunciala, inda que se centrou máis nos que mesturan elementos de rol. Desta vez estívenlle dando ao Rondo of Blood, ao que xa xogara no pasado, mesmo que xa nin o recordaba.

Intentei pasalo todo seguido dende o comezo, inda que o xogo permite recuperar a partida dende calquera pantalla xa xogada con anterioridade. Nas sete partidas que eu xoguei con este plan, todas con Ritcher Belmont, pasei de ter grandes dificultades na loita contra o lobishome a superalo facilmente á primeira. Tamén logrei chegar até Drácula, mais só cunha vida que perdín na súa segunda forma. Non era unha loita moi complicada e, de feito, conseguín pasala nun novo intento, pero esta vez logo de escoller empezar directamente nesta derradeira pantalla.

Após derrotar ao vampiro xefe, apareceu de novo Shaft, o esbirro que o resucitaba no prólogo do xogo, e levouno deixándome cunha conclusión moi cutre. Tras pasar os créditos apareceu unha metamensaxe dicindo que, para obter o final bo, hai que liberar a todas as doncelas secuestradas no castelo e derrotar ao pantasma de Shaft. Eu só lograra liberar a María nos primeiros compases do xogo, quen tamén pode ser empregada coma personaxe xogadora con menos vida, diferentes ataques e maior mobilidade có protagonista inicial.

A falta de mobilidade de Ritcher é moi salientábel para un xogo tan moderno, recordando as primeiras iteracións dos Castlevanias. O cazador de vampiros é lento e case non ten maniobrabilidade no aire, o que a miúdo faime/faille caer no auga e perder unha vida. Outras tarefas aparentemente simples coma apertar un interruptor no chan brincando enriba del é moito máis complicado do que podería parecer. En contraposición, moitos dos inimigos son moi áxiles e hai que prever os seus movementos para librarse deles, xa sexan os xefes finais ou inimigos normais. Nos dous casos a práctica axuda moito e é ben recompensada.

Coido que podería seguir tentando obter o meu obxectivo inicial de rematar o xogo do tirón dende o comezo, pero voume poñer a investigar un pouco máis o castelo, derrubando paredes e intentando progresar polos camiños máis complicados para ver se son quen de alcanzar o final definitivo sen axuda dunha guía. Non teño nin idea se xa o fixera na outra vez que xogara, pero creo que o meu obxectivo entón era desbloquear a versión do Symphony of the Night que aparece dentro do mesmo disco.

  • Porcentaxe completada: 36%.
  • Cartos conseguidos: 1079$.