Castlevania: The Dracula X Chronicles, segunda parte
Conseguín atopar todas as pantallas alternativas e todas as conexións entre elas pola miña conta. Non tiven tanto éxito salvando ás doncelas. Cheguei até un dos escondedoiros onde uns chanzos levaban a xunto da monxa, pero non fun quen de distinguir ditas escaleiras nas miñas investigacións. Finalmente recorrín a unha guía para saber as localización exactas de todas as doncelas. Agora que as coñezo, podo dicir que seguramente non atoparía a todas elas sen axuda nun tempo prudencial, xa que algunha precisaba moitos pequenos truquiños que habería que descubrir por separado e aplicar na orde correcta.
Unha vez que as tiña liberadas, loitei contra Drácula unha vez máis, volvendo a obter o final malo e tendo que agardar a que pasasen os lentos créditos para recordar que hai que derrotar antes ao pantasma do nigromante Shaft. Este pasou a ser o xefe final da sétima pantalla, relevando a unha Anette vampiresada que xa non tiña razón de saír porque foi liberada con anterioridade (o tema da liña do tempo é un pouco caótica se o pensas un pouco). Unha vez rematado co pantasma, este non poderá salvar ao seu mestre Drácula no encontro final e poderemos rematar con este pesadelo. Pesadelo para o Belmont, claro, que eu estaba gozando do xogo.
Drácula recorreu a unha terceira transformación para liberarse do sangue dos Belmont. As dúas primeiras formas xa as tiña máis que controladas e era quen de superalas sen recibir dano ningún. A derradeira non foi tan sinxela e levouse varias das miñas vidas, mais finalmente obtiven a vitoria. De agasallo por rematar outra vez co xefe da escuridade, tiven unha animación non moi satisfactoria onde o Castlevania facíase ruínas ante a mirada dos protagonistas e das doncelas.
O xogo trae como desbloqueábeis a versión orixinal deste Rondo of Blood e a súa secuela Symphony of the Night. Do primeiro bótanse de menos as animacións ao estilo dos debuxos xaponeses, xa que teñen o seu encanto. Dende o punto de vista da secuela, o Rondo of Blood serve de ponte entre as versións tradicionais lineais e a nova xeración, máis centrada na exploración libre, obtención de novos poderes e toques de xogo de rol.
Pese a estar organizado en niveis independentes, cada un ten múltiples segredos e varios camiños para superalo, a miúdo con dous finais diferentes cos cadanseus xefes. Pero, ao mesmo tempo e coma xa dixen, podemos escoller a pantalla a percorrer en cada momento para asegurarnos de telos ben explorados. Dúas das doncelas tamén outorgan a habilidade de romper barreiras até entón infranqueábeis, polo que poderemos volver a percorrer todos os niveis para procurar os segredos escondidos tras elas, que veñen sendo novas músicas bastante a miúdo. Eu xoguei case sempre sen volume, pero si que o subín varias veces para escoitar a versión de Bloody Tears. Non descubrín todos estes segredos, pero foron abondo para dar o xogo por rematado.
- Porcentaxe completada: 71%.
- Cartos conseguidos: 1857$.