The Eye Of Judgment: Legends (I)

O Eye of Judgment foi un xogo da Playstation 3 que acadou certa sona por mesturar cartas físicas para un representación virtual. Este Legends da PSP non ten compoñente fóra da pantalla, mais conserva as mesmas regras e mecánicas. É a miña primeira experiencia coa saga e o tutorial só explica o máis básico, polo que fun aprendendo a base de erros. Hai un manual de referencia no xogo, pero non é accesíbel dende o medio dunha partida, polo que non resulta nada útil.

As partidas desenrólanse nun escenario de 3×3 casas, dúas de cada un dos catro elementos clásicos e outro central de tipo “biomáquina”. O mazo de cada xogador componse, na súa meirande parte, de criaturas deses elementos mesturadas con algúns feitizos. Cada quenda podemos empregar o “maná” autoxerado para activar as criaturas do campo de batalla, até terminar finalmente baixando, opcionalmente, unha nova criatura. As partidas son de un contra un e gaña o primeiro que remate unha quenda con cinco unidades despregadas.

Como non podía ser doutra maneira, hai unha morea de habilidades que poden ter as criaturas. Vounas dividir en tres grupos, atendendo máis ao seu deseño que a outra cousa:

  1. As normais: invulnerabilidade, ataque rápido, condicionais, disparadas, etc.
  2. As do 50%: só se activan a metade das veces. A máis común é esquiva, que permite evadir un de cada dous ataques (ao chou, algo que non queda ben explicado no texto do xogo).
  3. As que mencionan outras cartas: xa sexan cartas en concreto, elementos ou faccións.

Admito que son unhas categorías bastante arbitrarias, pero empregueinas para contar un par de cousas. A primeira é que un xogo tan táctico quizais non debería decidirse nunha tirada de moeda, e moito menos se xa é na primeira quenda. Podo aceptar de boa gana aqueles efectos ao chou nos que o propio xogador acepta o risco, pero que o outro teña un 50% de posibilidades de gañar ou perder unha partida pese a levar un mazo determinista dóeme máis. Coido que o xogo funcionaría mellor sen estes efectos.

Respecto ao tema dunhas cartas referenciando a outras opino que non é moi sinxelo de seguir, mais seguramente é debido a interface virtual nunha consola portábel. Tanto no campo de loita coma no editor de mazos, non é doado ler as habilidades dun personaxe, recordar o personaxe ou facción mencionado e logo confirmar se o resto de unidades encaixan con esa referencia, á vez que intento ver o resto de habilidades e interaccións. Quizais é que non estou afeito a tanta carta nova, pero semellan ser referencias moi concretas para sabelas de memoria.

A historia? Nin idea, deixei de ler as longas exposicións despois do primeiro capítulo porque eran pouco interesantes. Agora rematei o terceiro tras catro horas e media de xogo e non as boto nada de menos.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.