The Legend of Zelda: Link’s Awakening. Espertar
Xoguei a unha boa recua de Zeldas, máis en dúas dimensións ca en tres. Non obstante, o único da saga que xoguei até o final foi o Ocarina of Time. Agardemos que este Link’s Awakening da Game Boy troque iso; xa vos adianto que non vou nada mal encamiñado.
A historia comeza con Xogon, o meu Link particular sen acento, espertando nunha illa após unha forte treboada. Alí, ademais dunha familia que o acolle, tamén atopa o seu escudo e a súa espada. Ben armado, comeza a descubrir os segredos da illa. O máis inmediato e que foi invadida por uns monstros misteriosos que, segundo os habitantes humanos da mesma, tamén chegaron da nada, ao igual que Xogon. Coa axuda dun moucho moi paroleiro, comeza a busca de oito instrumentos musicais para espertar ao “pez de vento”, que non é un pez, nin é de vento, segundo nos conta unha pedra do camiño.
O mundo no que sucede a trama é un pouco onírico. Onírico. Moi onírico. Demasiado onírico. É dicir, é un soño. Seguro. Coido que me soaba que había un dos Zeldas no que todo era un soño, e é claro que se trata deste. Polo que atopamos na illa podemos intuír que o soñador é alguén un pouco cacheiro, case seguro adolescente, machista e fan dos videoxogos; encaixa bastante co obxectivo comercial do produto. Desta maneira, tamén é máis sinxelo de xustificar que algúns personaxes crucen a cuarta parede nas súas liñas de diálogo, ou que ao atopar unha agulla de marear por vez primeira apareza na pantalla que “agora ten unha nova funcionalidade”, referenciando as edicións anteriores da saga. Inda vai máis aló e aparecen personaxes doutros xogos de Nintendo, coma por exemplo un bonequiño de Yoshi.
Descoñezo en boa medida o que pasou con esta saga nas edicións máis modernas ca GameCube e a Game Boy Advance, pero hai que considerar esta versión antiga coma unha peza de verdade e non coma unha maneira de obter uns cartos sinxelos nunha consola portátil. Non teño unha medida fiábel desta vez, mais xa son un bo feixe de horas as que levo xogadas e só completei tres dos oito alxubes do xogo. O mapa é grande, interesante e cheo de segredos para descubrir. No canto dos obxectos, están todos os clásicos coma as bombas, botas de correr ou a pala. O xogo vai sempre ben fluído agás nalgúns momentos puntuais con moitos inimigos na pantalla ao mesmo tempo. Se non fose polos gráficos, pasaría ben por ser unha edición máis moderna.
Os quebracabezas para resolver un alxube son continuos, el algún inda me levou certo tempo porque algunhas das solucións non teñen moito que ver co que tivera feito até ese momento. Coido que nunha entrega máis recente habería algunha pista ou solución anterior para minimizar a curva. Atopar a agulla de marear de cada alxube axuda porque fai un son cando entramos nunha sala cun obxecto oculto. Preferiría tamén unha pista visual, pero polo menos o resto de sons e cancións do xogo soan ben, sendo facilmente recoñecíbeis para calquera que xogase a algún outro Zelda con anterioridade. Pero paremos cas louvanzas e co artigo; a próxima semana contarei como evolucionou o tema.