The Legend of Zelda: Link’s Awakening. Explorar
Diría que os alxubes deste xogo están ben deseñados. Para acceder a cada un, na súa orde, temos que atopar a chave para que emerxa até a superficie. Unha vez dentro, temos todo o que precisamos para resolvela até o final e obter un novo instrumento musical para espertar ao “pez de vento”. Semella sinxelo, pero eu non o interiorizo e, a miúdo, dou unha volta polo mundo exterior cando non progreso dentro dun alxube. E sempre é innecesario, porque a solución agochábase no interior.
Coido que non se me dá moi ben este xogo xa que me zarapallo con facilidade e inda non teño moi claro como ir dun lugar a outro da illa, xa que é bastante labiríntica. Tiven que recorrer dúas veces a internet para poder progresar na trama. A primeira guía mandoume liquidar a un inimigo que eu consideraba inmortal nos primeiros compases do xogo. A segunda pista foi no sexto alxube, e levoume a poñer unha bomba na parede, cousa que non se me ocorrera a pesar das seguintes tres indicacións:
- Sabía que tiña que entrar no “burato que hai nos ollos dos muros”. Referíase a unhas salas ocultas que facían de “ollos” no debuxo do mapa.
- Xa fabriquei moitas entradas a base de pór bombas nas paredes.
- Había un debuxo nas baldosas do chan que remataban xusto no lugar onde tiña que poñer a bomba (mais non tan obvio coma na imaxe anterior).
Espere que nos dous alxubes finais, e o que suceda tras eles, non me atoe o suficiente para ter que procurar a solución fóra do xogo. Dentro do mesmo, hai un sistema de axuda ou orientación, ademais do moucho que nos guía de cando en vez. Trátase dun home que, ao chamalo por teléfono, sempre dinos sen enganos o seguinte paso que temos que tomar. Os seus consellos non chegan a solucións dentro dos alxubes pero é unha maneira de ter claro o seguinte paso.
Creo que xa podo moverme case libremente por toda a illa cos obxectos que teño, mais inda fica un oco libre no inventario. O único que botei de menos é un escudo protector contra o lume, que podería sobrescribir ao escudo orixinal, e quizais unhas botas de levitación, inda que o gancho cobre boa parte dos posíbeis usos desas botas. Falando do cal, pode ser que máis dunha vez aproveitara os saltos, con ou sen carreiriña previa, para pasar dun lugar a outro que seguramente non estaba previsto nese momento en particular. Noutro caso, son bastante esixentes co de aproveitar a habilidade do xogador.
Na trama do xogo cada vez fica máis claro que todo é un soño e que, cando o protagonista esperte, todo desaparecerá. Todo agás as súas lembranzas (e as nosas). Os monstros cada vez están máis inquedos polo fin que se aproxima. Xa veremos na derradeira entrada sobre este xogo nesta páxina o que realmente sucedeu! Até logo!