<<

Blood Bowl 2. Campaña

– Ola e benvidos todos a este programa especial adicado ao lendario adestrador Xogón! Matemáxico e máis eu faremos un resumo da súa reincorporación ao mundo do Blood Bowl comentando pasado, presente e futuro. Non é, Matemáxico?
– É tal, Eu-Xogoth! Ola a todos! O primeiro, quero darlle ás grazas a MediaLar por deixarme comentar ao carón de un erudito da materia coma é Eu-Xogoth. Esta combinación só tiña un 0.2718% de probabilidades de ser a escollida!
– Nuffle sexa louvado!
– Xa sabes que non creo en Nuffle, os números son unha entid…
– E como íamos dicindo, hoxe centrarémosnos no adestrador Xogón! Penso que esta é a súa segunda tempada, se non contamos os tempos de xuventude cun taboleiro caseiro, certo?
– Certo! Na primeira tempada botoulle máis de 120 horas levando unha morea de equipos.
– Unha morea? Agardaba algo máis preciso de ti, Matemáxico!
– E que os datos non están completos de todo… pero si que te podo contar que comezou cun equipo de elfos verdes nas que a súas guerreiras bailarinas non sobrevivían máis dun partido, e rematou levando un equipo de amazonas á vitoria da liga!
– Recordo esas amazonas, nunca a palabra blodge foi máis odiada polos seus rivais. Pero diso xa fai moito.
– (Cinco anos e sete meses).
– E agora está de volta comezando unha nova campaña! Da cal falaremos após o seguinte corte.

– Un corte de 169 píxeles de alto, por certo.
– Grazas, Matemáxico. Volvamos con Xogón, que nos podes dicir desta nova tempada a cargo dos Reikland Reavers? Seica foi un paseo.
– Efectivamente. Conseguiu gañar todos os partidos sen recibir ningún tanto, marcando un total de 51 touchdowns en 14 partidos completos.
– O que eu dixen, un paseo.
– Cunha media de 3.64 touchdowns a favor por partido, cun máximo de 7, un mínimo de 3, unha moda de 3 e unha med…
– Si, si. Un paseo. A intelixencia artificial no nivel máis difícil non é rival para el. O único, para a súa paciencia.
– É unha das súas críticas, ter que xogar tantos partidos de case unha hora de duración sen moito desafío. Para facelo máis entretido, adicouse a maximizar os puntos estrela entre os seus xogadores. Queres saber cantos conseguiu?
– Eh, non! Fágome unha idea do que pasou. Ademais, moitos deses puntos foron ao garete cando algúns dos seus xogadores mutaron inexplicablemente durante o transcurso da campaña.
– Certo. Pero tiña un motivo dentro da campaña.
– Si, igual que o tiñan algúns obxectivos adicionais que tivo que cumprir para avanzar na mesma. Pero ao final foron un partido tras outro con moi pouca variedade e o nulo desafío que xa comentamos.
– Até que gañaron a Blood Bowl!
– Que menos! Vexamos un corte da celebración.

– E agora que, Matemáxico? Isto foi o último que veremos de Xogón nas canchas?
– Pois non sei. Só o 33.3% dos seus rivais do pasado semellan interesados en facer unha nova liga, polo que parece complicado que podamos ver algo máis cun cara a cara amistoso de cando en vez. Polo de agora só leva un contra o seu arquirival Eristoff, no que conseguiu vencelo 1 a 2.
– Polo menos xa lle marcaron un touchdown! Quizais o seu reinado está preto de rematar? Quizais estea proxectando algo novo? Polo de agora non sabemos, pero o que é seguro é que estaremos aquí para volo contar cando sexa preciso. Falouvos o voso ente cósmico preferido, Eu-Xogoth!
– E o voso servidor Matemáxico; para servir ás matemáticas e a vostedes.
– Boa sorte cos dados…
– O concepto de sorte n…
– … e boa noite a todos!
– Boa noite!

– Oes, Matemáxico, ti o dos números e o de contar o levas moi ben, non?
– Si, é a miña especialidade!
– Moi ben. Pois non contes comigo para a próxima.