<<

Lego The Lord of the Rings. Comunidade

Na miña primeira experiencia cun videoxogo de Lego, un de superheroes na Playstation 2 xa hai moito tempo, decidín tras quince minutos que non era para min. Supuxen que eu era a excepción porque hai unha morea de franquías que foron adaptadas a este estilo de xogo, pero aproveitando que regalaron este baseado na obra de Tolkien para darlle un segundo tento. Vaia tamén por diante que nunca tiven nin bloques nin bonecos desta marca, polo que esa parte de nostalxia tampouco vai comigo.

O xogo comeza coa narración de Galadriel sobre os feitos que deron paso á Terceira Idade. Podemos manexar a Isildur e ao seu pai Elendil loitando contra un Sauron xigante e, tras a loita, levando o anel único ao Amon Amarth (ao monte, non ao grupo). Logo aparecen un par de escenas sobre o que pasou co anel, fóra dos eventos deste libro. Logo, outra escena de Gandalf, Bilbo, Sam e Frodo. E despois xa obtemos o control destes dous últimos hobbits camiñando pola súa aldea. Esta parte manexábel non dura moito, pois unha vez que chegamos ao destino indicado, comeza outra animación coa incorporación de Merry, Pippin e os xinetes escuros.

Con tanta exposición sen ter o control, fica claro que o xogo está directamente baseado nas películas de Peter Jackson. E non só é que as escenas, ángulos e cortes sexan os mesmos, tamén as liñas dos personaxes están sacadas tal cal das películas. Certo é que en cada momento hai algún personaxe facendo algo gracioso para romper a posíbel seriedade, engadindo algo de humor moi sinxelo apto para todos os públicos que será pauta durante todo o xogo.

No apartado das mecánicas do xogo tamén prevalece a sinxeleza. Só completei a parte da Comunidade do Anel, pero coido que o padrón fundamental non cambiará nin un ápice. Consiste en avanzar polo escenario tridimensional até chegar a un quebracabezas que bloquea o paso. Nese momento podemos esborrallar todo o esborrallábel para obter as pezas que precisaremos. Logo simplemente é cuestión de acercar o personaxe necesario ao lugar sinalado para poder progresar un pouco máis.

Cada un dos personaxes ten as súas propias habilidades especiais. Por exemplo Legolas pode saltar alto e lanzar frechas, Gimli pode derrubar certo tipo de bloqueos, e Samsagaz é o xardineiro-incendiario especialista en facer crecer plantas e empezar lumes. Nin vos imaxinades a cantidade de problemas que se poden solucionar neste xogo aplicando lume!

Polo de agora inda non simpatizo moito con este estilo de videoxogo, pero o meu plan é continuar até o final porque semella non ser moi longo e é outra maneira de re-experimentar o mundo de Tolkien.

  • Horas transcorridas: 3.
  • Personaxes desbloqueados: 13.
  • Mulleres desbloqueadas: 1.
  • Porcentaxe completada: 9’4%.