Lego The Lord of the Rings. Torres

O comezo desta parte das dúas torres é un bo resumo do xogo. Manexamos a Sam e a Frodo mentres seguimos o camiño marcado por Gollum a tráves do Pantano dos Mortos. Realmente semella ser o Pantano de Lume da Princesa prometida, porque cada catro pasos temos que apagar un lume que apareceu espontaneamente. Non levei a conta, pero máis de media ducia de veces temos que atopar auga dun pozo para apagar a combustión repentina, e cansa un pouco.

Unha vez que os lumes remataron, aparece un Nazgûl do que temos que agocharnos. Para logralo, avanzamos de illa en illa até atopar un burato onde Sam poda agocharse e logo activamos a capa élfica que fai invisíbel a Frodo. Isto tamén hai que repetilo unhas catro ou cinco veces, e en ningún momento é divertido. Esta idea de estender un concepto artificialmente repítese ao longo do xogo. Algunhas veces ten unhas boas reminiscencias de The Lost Vikings, tendo que empregar o personaxe axeitado en cada momento para solucionar o problema.

Ao contrario que no clásico de Blizzard, neste xogo está sempre claro o personaxe a empregar en cada caso, xa que a interface superposta non deixa lugar a dúbidas. Da mesma maneira, non é posíbel solucionar un quebracabezas mal e quedar atascado, a non ser que demos con algún erro de programación. Con isto e co de ter vidas infinitas, xa que morrer só nos quitará algúns puntos que son fáciles de recuperar e non moi importantes, estou de acordo: encaixa ben no tipo de xogo desenrolado. Se as mecánicas en xeral estivesen un pouco máis pulidas, sería un bo xogo para desconectar mentres aproveitamos para recadar todos os segredos espallados pola Terra Media.

O xogo deixa ben claro que debes repetir os niveis con outros personaxes para atopar as pezas secretas. Podes atoparte xogando a historia principal con Frodo e Sam e, de súpeto, aparece un texto de Galadriel dicindo que lances unhas frechas con Legolas para chegar a un novo lugar, inda que no momento presente non teñamos maneira de facer iso. Tamén é notábel que o xogo está pensado para xogar a dous xogadores, e coida que coa pantalla partida e as accións simultáneas pode quedar moi ben.

A historia segue a reflectir os cortes das películas de maneira máis ou menos graciosa. Polo de agora os momentos máis épicos foron cando puidemos manexar a Bárbore e arrasar con todo baixo os seus pés. Chegados até aquí, farei o empurrón final para rematar a historia con Alancadas e compañía.

  • Horas transcorridas: 5.
  • Personaxes desbloqueados: 18.
  • Mulleres desbloqueadas: 1 (5’6%).
  • Porcentaxe completada: 16’4%.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.